A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, interveu hoxe no Parlamento
A Xunta reforza as medidas para facilitar a emancipación da mocidade con máis vivenda pública, avais e axudas ao alugueiro
Allegue remarcou que o Goberno galego destina este ano 3,8M€ a axudas directas á compra de vivenda por parte da mocidade
Precisou que os menores de 36 anos poden recibir ata 10.800€ para comprar unha vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, 20.000€ para vivendas de protección autonómica ou 15.000€ en centros históricos Rexurbe
Lembrou que dende o 1 de abril se pode solicitar o Aval Mozo, que cubre o 20% do custo da vivenda para acceder ao 100% do préstamo hipotecario
Concretou que o 40% das novas vivendas públicas en alugueiro estarán destinadas ata 36 anos e un 25% das en venda tamén estarán reservadas para este colectivo
Recordou que pese a que o orzamento estatal para o Bono Alugueiro Mozo é insuficiente, a Xunta xestionou as solicitudes con dilixencia e xa está comunicando as primeiras concesións, sen ter rematado aínda o prazo de presentación de peticións
- Compartir
Santiago de Compostela, 26 de marzo 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destaca que a Xunta está a reforzar as medidas para facilitar a emancipación da mocidade, con máis vivenda pública, avais, axudas ao alugueiro e incentivos fiscais.
Allegue interveu hoxe no Parlamento de Galicia, onde remarcou que o Goberno galego destina este ano 3,8M€ a axudas directas á compra de vivenda por parte da mocidade.
Precisou que os menores de 36 anos poden recibir ata 10.800€ para comprar unha vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, 20.000€ para vivendas de protección autonómica ou 15.000€ en centros históricos Rexurbe.
Recordou que a Xunta vén de publicar unha nova convocatoria do Aval Mozo, que cubre o 20% do custo da vivenda para acceder ao 100% do préstamo hipotecario. O prazo de solicitude arranca o próximo 1 de abril.
Subliñou que o Executivo autonómico ten previsto que se poidan conceder avais para a compra por importe de ata 5M€. Ademais a Xunta estendeu, sen límite de idade, esta iniciativa á compra de vivenda protexida.
María M. Allegue congratulouse de que o Goberno do Estado lance tamén un programa de avais inspirado no modelo galego que, desde o ano 2023, xa concedeu avais por case 4M€.
Fixo fincapé no obxectivo de lexislatura de duplicar o parque de vivenda pública ata alcanzar as 8.000 vivendas. No marco deste compromiso, concretou que polo menos o 40% desas novas vivendas en alugueiro estarán destinadas ata 36 anos e un 25% das vivendas en venda tamén estarán reservadas para este mesmo colectivo.
De xeito complementario, puxo en valor a rebaixa dos impostos para os menores de 36 anos, xa que a compra da vivenda habitual só pagará un 0,5% en actos xurídicos documentados. No imposto de transmisións patrimoniais, baixouse do 8% ao 3% e incluso ao 0% en zonas menos poboadas.
Axudas alugueiro
Indicou que en paralelo se están a dar respostas ao acceso ao alugueiro, posto que a día de hoxe se teñen adxudicadas o 100% das axudas da convocatoria vixente (2024-2025) do Plan de Vivenda 2024, cofinanciado con 10M€ de fondos propios.
O Goberno galego tamén está a xestionar o Bono Alugueiro Mozo, denunciando que o seu orzamento é insuficiente, xa que está dotado de 11M€ para 2025 e 2026 e creado sen consenso das comunidades. Aínda así, antes de rematar o prazo das solicitudes, a Xunta xa está a comunicar as primeiras concesións, amosando dilixencia na xestión.