A delegada territorial informou desta nova orde de subvencións durante unha visita a un inmoble na rúa Ponzos
Martina Aneiros recorda que ata o 28 de abril poden solicitarse as axudas para mellorar a accesibilidade de vivendas e edificios residenciais
Esta orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé incentivos de ata 18.000 euros para facilitar a adaptación exterior e interior de inmobles residenciais
A pasada convocatoria concedéronse no ámbito territorial un total de dez axudas por valor de 433.000 euros
- Compartir
Ferrol, 26 de marzo de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, supervisou esta mañá as obras de instalación dun ascensor nun edificio da rúa Ponzos, en Ferrol, acometidas ao amparo das axudas de accesibilidade da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
Concretamente, a comunidade de propietarios deste inmoble beneficiouse dunha achega de preto de 105.000 euros para a instalación dunha nova planta de ascensor que supuxo o 80% do custo da obra, o máximo subvencionable. Esta é unha das dez axudas por valor de 433.000 euros concedidas no ámbito Delegación Territorial en 2024.
Durante a visita, a delegada territorial lembrou que a Xunta vén de abrir unha nova convocatoria de axudas dotada dun orzamento de 5,3 M€ e que pode solicitarse ata o 28 de abril. A orde está dirixida a propietarios e comunidades de propietarios co fin de acometer tanto na propia vivenda como en zonas comúns obras de instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas, automatismos para a apertura de portas, videoporteiros, iluminación no portal ou colocación de grúas.
Martina Aneiros incidiu na importancia destas axudas en tanto “contribúen a financiar actuacións para a eliminación de barreiras arquitectónicas e facilitan o acceso tanto en vivendas unifamiliares como en edificios de uso colectivo”.
En canto ao importe dos apoios, a delegada territorial indicou que poden oscilar entre os 6.000 e os 18.000 euros, no caso de que na vivenda resida unha persoa con discapacidade. Serán de ata 12.500 euros en vivendas unifamiliares, ata 9.000 euros por cada piso susceptible de recibir a subvención en edificio de tipoloxía residencial colectiva e ata 6.000 euros no caso de pisos illados nun residencial colectivo. A intensidade máxima das axudas é do 80% do gasto.