A Xunta entrega unha vivenda de promoción pública en alugueiro no barrio da Tinería de Lugo
- Compartir
Lugo, 25 de marzo de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, fixo esta mañá entrega das chaves dunha vivenda de promoción pública situada na rúa Miño do barrio da Tinería, en Lugo, adxudicada en réxime de alugueiro. Conta con 60 metros cadrados de superficie e dous dormitorios.
Arias destacou os proxectos da Xunta para continuar revitalizando este barrio incrementando o parque de vivenda pública para atraer poboación. Ao respecto, lembrou que a rehabilitación do Pazo de Dona Urraca e da contorna inclúe recuperar catro edificios -dous deles tamén na rúa Miño e os outros na rúa Falcón- e construír tres novos, que sumarán en total 16 pisos.
Así mesmo, subliñou que o Goberno galego convoca diversos programas de axuda para facilitar o acceso á vivenda. Ata este venres está aberto o prazo para solicitar as axudas do programa bono alugueiro mocidade, ao que poden acollerse persoas menores de 36 anos de idade. Así mesmo, ata o mes de outubro poderán solicitarse achegas para a adquisición de vivendas, e en abril abriranse dúas liñas de avais, para persoas que adquiran vivenda protexida, sen límite de idade, e para menores de 36 anos que compren no mercado libre.