A delegada da Xunta, visitou hoxe dous edificios mancomunados na Coruña nos que se instalou un ascensor ao abeiro dunha axuda de case 84.000€
Belén do Campo anima a solicitar axudas de accesibilidade, cun orzamento de 5,3 M€
As subvencións poderán solicitarse ata o 28 de abril na web do Instituto Galego da Vivenda e Solo e dirixiranse a propietarios e a comunidades
O obxectivo desta iniciativa é contribuír a financiar actuacións para eliminar barreiras e mellorar a calidade de vida de persoas con mobilidade reducida ou discapacidade
As axudas contan con importes entre 6.000 e 18.000€, chegando á máxima contía se son vivendas onde residen persoas con discapacidade, é dicir, o 80% do gasto
Os beneficiarios poderán acometer, na vivenda ou en zonas comúns, instalacións de ascensores, salvaescaleiras, ramplas, automatismos para apertura de portas, iluminación no portal ou colocación de guindastres, entre outras accións
- Compartir
A Coruña, 21 de marzo de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, supervisou hoxe un edificio en na Coruña na rúa Rafael Bárez Vázquez beneficiario das axudas de accesibilidade do ano pasado, que lles permitiu instalar un ascensor, cunha axuda de case 84.000 euros. Esta actuación resolveu a accesibilidade de dous edificios que se mancomunaron para levar a cabo esta obra, unificando os dous portais nun só que serve para ambos edificios.
Na visita a delegada informou que xa está aberta a nova convocatoria destes apoios dotada dun orzamento de 5,3M€, que permitirá acometer adaptacións en vivendas da comunidade autónoma de Galicia,
Belén do Campo destacou a importancia destas axudas, cuxo obxectivo é contribuír a financiar actuacións para eliminar barreiras e mellorar a calidade de vida de persoas con mobilidade reducida ou con discapacidade.
As subvencións poderán solicitarse desde as 9.00 horas do 27 de marzo as 14.00 horas do 28 de abril en concorrencia non competitiva. A petición realizarase mediante a web do Instituto Galego da Vivenda e Solo e dirixirase tanto a propietarios coma a comunidades. As obras teñen de prazo máximo para estar rematadas ata decembro de 2026.
Estas axudas contan con importes que oscilan entre os 6.000 e os 18.000€, chegando á máxima contía se se trata de vivendas ou edificios onde residen persoas con discapacidade.
De xeito máis detallado, os importes das axudas serán de ata 12.500€ en vivendas unifamiliares; ata 9.000€ por cada piso susceptible de recibir a subvención, en edificios de tipoloxía residencial colectiva; e ata 6.000€ por piso “illado” en un residencial colectivo. As vivendas terán que estar finalizadas antes do 2006, non se esixirá este requisito no suposto de que na vivenda habiten persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33%.
A delegada subliñou que as axudas poden chegar ata o 80% do gasto, por iso son moi demandadas. Engadiu ademais que acadan os 18.000 € se na vivenda reside unha persoa con discapacidade.
Actuacións subvencionables
Con estes incentivos, os beneficiarios poderán acometer, tanto na vivenda como en zonas comúns, instalacións de ascensores, salvaescaleiras, ramplas, automatismos para a apertura de portas, videporteiros, iluminación no portal ou colocación de guindastres.
Tamén se contemplan entre as actuacións subvencionables medidas de accesibilidade que faciliten a autonomía e a vida independente de persoas con mobilidade reducida incluíndo dispositivos adaptados ás necesidades das persoas con discapacidade sensorial ou intelectual. Inclúense mecanismos de identificación como teléfonos intelixentes, cámaras ou pantallas e outros dispositivos tecnolóxicos como sistemas de apertura e control de accesos e doutros sistemas que necesiten control persoal.
Tamén se contempla na orde a instalación de elementos de información, de comunicación e de aviso como sinales luminosas, visuais ou sonoras que melloren a accesibilidade e seguridade e a instalación de domótica para favorecer a autonomía das persoas maiores o con discapacidade. Tamén son subvencionables os gastos de honorarios, licenzas e xestión das actuacións.