A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou dúas vivendas rehabilitadas co impulso da Xunta en Vilariño de Conso e fixo entrega dunha delas a un veciño que a desfrutará en alugueiro accesible
Allegue destaca o papel dos concellos rurais na creación de vivenda co apoio da Xunta, a través da achegas á rehabilitación de edificios de titularidade municipal
Allegue pon en valor o traballo e “esforzo dos alcaldes de localidades de poucos habitantes, que grazas a unha boa xestión, acadan grandes resultados”
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas anima aos concellos de menos de 30.000 habitantes a que soliciten esta liña de achegas ás que a Xunta destina 1,8M€ ata o ano 2026
A conselleira destacou a aposta do Concello de Vilariño de Conso para recuperar antigas vivendas de titularidade municipal a través destas axudas, tras visitar dous inmobles
- Compartir
Vilariño de Conso (Ourense), 21 de marzo de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou o concello ourensán de Vilariño de Conso, onde entregou as chaves dunha vivenda na antiga casa cuartel, renovada grazas ás achegas da Xunta destinadas a inmobles de titularidade municipal, cun investimento de 80.000€. O veciño adxudicatario disporá así dun fogar en réxime de alugueiro accesible. Ademais, supervisou as obras noutro inmoble, a antiga casa rectoral na zona de Sabuguido, que albergará 3 vivendas máis e que tamén recibiron un investimento de 150.000€ desta mesma liña de axudas.
Allegue agradeceu á alcaldesa de Vilariño de Conso a súa colaboración co Goberno galego en aras de acadar máis vivenda pública na súa localidade e destacou a labor dos alcaldes de concellos rurais que grazas a unha boa xestión “acadan grandes resultados”.
A conselleira recordou que as axudas á rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugueiro social está aberta e os concellos poden solicitala ata o 3 de xuño. O orzamento para este programa ascende a 1.850.000€ ata 2026 e esténdense agora aos concellos que conten con menos de 30.000 habitantes, cando antes se limitaba aos de menos de 20.000.
Estas axudas autonómicas poden chegar ao 95% do orzamento das obras, ata os 50.000€ por vivenda rehabilitada, ata 55.000 no caso de que se atopen nun conxunto histórico ou nun ámbito da Ribeira Sacra ou dos Camiños de Santiago, como é o caso de Vilariño de Conso, e a 57.000 se a vivenda está nunha área Rexurbe.