A Xunta somete a información pública o proxecto de decreto que regulará as Entidades de Certificación de Conformidade Municipal
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de publicar no portal de transparencia da Xunta o proxecto de decreto polo que se regulan as ECCOM na Comunidade Autónoma de Galicia e o seu rexistro
Esta publicación dá cabida á participación cidadá na tramitación da norma, xa que permite que aquelas persoas que estean interesadas poidan formular cantas suxestións e alegacións consideren oportunas, con prazo ata o 10 de abril
A nova norma busca regular de forma integral o réxime xurídico de todas as ECCOM, co obxectivo de dar seguridade xurídica, tanto aos particulares que soliciten os servizos das ECCOM, como aos concellos
O futuro decreto modificará o actual réxime de actuación das ECCOM, de xeito que no caso de que interveñan estas entidades, o seu certificado teña a mesma validez e efectos que os informes técnicos municipais, que se entenderían substituídos por dita certificación
A posta en marcha do novo decreto é consecuencia das modificacións incluídas na lei de medidas fiscais e administrativas, de acompañamento dos orzamentos, co obxectivo de desburocratizar trámites para axilizar a construción de vivenda
- Compartir
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de publicar no portal de transparencia da Xunta de Galicia o proxecto de decreto polo que se regulan as Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM) na Comunidade Autónoma de Galicia e o seu rexistro.
Con este trámite, a Xunta dá cabida á participación cidadá na tramitación da norma, xa que posibilita que as persoas que estean interesadas poidan formular cantas suxestións e alegacións consideren oportunas ao decreto, con prazo ata o 10 de abril.
Este novo decreto ten por finalidade regular de forma integral e pormenorizada o réxime xurídico de todas as ECCOM, tanto as previstas na normativa en materia de industria como no eido urbanístico, así como o seu rexistro único, para dar seguridade xurídica á actuación destas entidades e facilitar a súa accesibilidade pola cidadanía e administracións públicas.
Desde a regulación por vez primeira na comunidade das ECCOM coa Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, demostrouse nestes anos que a intervención destas entidades permitiu simplificar os procedementos administrativos e dotou á Administración de mecanismos de resposta máis inmediata e flexible, adaptables ás necesidades de verificación, inspección e control.
Agora, a posta en marcha do novo decreto para regulalas é consecuencia das modificacións incluídas na lei de medidas fiscais e administrativas, de acompañamento dos orzamentos do 2025 co obxectivo de desburocratizar trámites administrativos para axilizar a construción de vivenda, unha das prioridades do Goberno galego nesta lexislatura.
A normativa establece que nas solicitudes de licencia urbanística acompañadas dun certificado ECCOM, este terá a mesma validez e efectos que os informes técnicos e xurídicos municipais, que se entenderán substituídos polas ditas certificacións. A nova regulación será de aplicación xeral, agás que os concellos, mediante ordenanza, exclúan a intervención das ECCOM.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, no marco das súas competencias en urbanismo, asumirá as funcións relativas á autorización e rexistro de todas as ECCOM, incluídas as previstas na normativa de industria.
A Xunta busca coa nova regulación outorgar seguridade xurídica tanto aos particulares como aos concellos nos supostos en que se actúe a través dunha ECCOM. Así mesmo, o obxectivo é tamén facilitar o coñecemento pola cidadanía das ECCOM autorizadas para exercer a súa actividade na nosa comunidade autónoma mediante a creación do novo rexistro.
Requisitos e funcións
O novo decreto busca regular de forma integral o réxime xurídico de todas as ECCOM e constitúe unha oportunidade de mellorar, definir e avanzar nun desenvolvemento normativo completo das citadas entidades, tanto no eido das actuacións urbanísticas, como da implantación de actividades e apertura de establecementos, así como de posibilitar o seu coñecemento, acceso e transparencia.
O proxecto de decreto consta de 51 artigos estruturados en cinco capítulos, unha disposición adicional, unha transitoria, unha derrogatoria e dúas disposicións finais.
De acordo ao proxecto de decreto, considéranse ECCOM as entidades dotadas de personalidade xurídica e plena capacidade de obrar que, logo de cumpriren os requisitos establecidos na Lei 9/2013, do 19 de decembro, e nesta norma, desenvolven actuacións de certificación, verificación, inspección e control da conformidade das obras, edificacións, instalacións, establecementos e actividades coa normativa aplicable no ámbito municipal, incluíndo tanto a fase previa ao outorgamento ou á eficacia dos títulos habilitantes, como posteriormente, o ámbito da súa execución e funcionamento.
Estas entidades exercerán as funcións de certificación da conformidade coa normativa aplicable no ámbito municipal das obras, edificacións, instalacións, establecementos e actividades na fase previa ao outorgamento ou á eficacia dos títulos habilitantes municipais.
Ademais, terán funcións de colaboración coa administración municipal no exercicio das competencias de comprobación de obras, edificacións, instalacións, establecementos e actividades. E tamén de colaboración no control periódico da conformidade das obras, edificacións, instalacións, establecementos, e actividades coa normativa aplicable no ámbito municipal.
O Rexistro de Entidades de Certificación de Conformidade Municipal da Comunidade Autónoma de Galicia configurarase como un rexistro público de carácter administrativo, adscrito á consellería competente en materia de urbanismo que terá por obxecto garantir a transparencia e a publicidade no exercicio da actividade das ECCOM que desenvolvan as súas funcións na Comunidade Autónoma de Galicia.