A Xunta adxudica por máis de 4,3 M€ as obras para a urbanización do PS-6, o sector autonómico das antigas instalacións da ETEA en Vigo
O contrato asinarase nas vindeiras semanas e as obras iniciaranse, previsiblemente, ao longo do mes de maio, cun prazo de execución estimado de 15 meses
A fin de dar prioridade á circulación non motorizada, o proxecto de urbanización optará por unha solución de plataforma única, diferenciada pola pavimentación
Fomentarase a conectividade peonil, a través da creación de corredores verdes que permitan conectar as distintas plataformas
O ámbito a urbanizar ten unha superficie de algo máis de 20.000 m²
- Compartir
Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2025
A Xunta adxudicou por 4.375.889,25 euros a execución das obras para a urbanización do sector autonómico das antigas instalacións da ETEA en Vigo.
Esta intervención, adxudicada á empresa Marconsa, Movimiento de Áridos y Construcciones de Arosa, S.L., ten como obxectivo a execución dos traballos de urbanización da área correspondente ao Proxecto Sectorial chamado PS-6.
O contrato asinarase nas vindeiras semanas e as obras iniciaranse, previsiblemente, ao longo do mes de maio. Os traballos contan cun prazo de execución estimado de 15 meses.
O ámbito a urbanizar ten unha superficie de algo máis de 20.000 m² e sitúase ao oeste da vía principal, entre as instalacións deportivas e a praza de Armas.
A actuación obxecto deste contrato define un sistema viario adecuado para responder ás necesidades funcionais de comunicación, tanto rodada como peonil, respectando as vías existentes. Levarase a renovación dos servizos e pavimentos e un reaxuste das dimensións e respectaranse todos os elementos de valor patrimonial e ambiental. Executaranse así mesmo as actuacións necesarias para garantir a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.
A circulación non motorizada terá prioridade, polo que se optará por unha solución de plataforma única, diferenciada pola pavimentación. Coa urbanización fomentarase a conectividade peonil, a través da creación de corredores verdes que permitan conectar as distintas plataformas.
A avenida Central, que se estende desde o acceso ao recinto ata a praza de Armas, constitúe o eixo estruturante de todo o complexo e del partirán ás vías de acceso ás diferentes plataformas nas que se articula o ámbito do PS-6.
Proxéctanse 48 prazas de aparcadoiro no interior do ámbito, distribuídas nas distintas plataformas de acceso ás edificacións.
A actuación prevé a renovación das redes de abastecemento, saneamento, electricidade, alumeado, telecomunicacións e gas, así como as conexións exteriores destes servizos.
En canto ás edificacións existentes, protexerase e conservarase o Edificio Morse e o da Enfermería, pertencentes ao catálogo de elementos de patrimonio cultural do Plan Sectorial, así como a residencia Álava e a residencia Liniers.
Por outra banda, eliminarase o edificio de aulas e o edificio Patiño, e ampliaranse os espazos libres contiguos a estes para a posta en valor do edificio Morse e Enfermería. Suprimirase tamén o Corpo de Garda, cuxas dimensións non se consideran acordes ás necesarias para acoller os usos demandados.