A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, supervisou hoxe as obras
María M. Allegue avanza que as 24 vivendas de promoción pública no Castiñeiriño, no concello de Santiago, estarán rematadas este ano
De xeito inmediato ao remate das obras, abordarase a adxudicación aos beneficiarios entre persoas inscritas no Rexistro de Demandantes de Vivenda
Os outros dous edificios cun total de 36 vpp que a Xunta constrúe en Lamas de Abade estarán finalizados no primeiro semestre do 2026
Nestas tres promocións invístese un orzamento de 13M€ e, unha vez finalizadas, reservaranse ao menos un 40% para alugueiro entre menores de 36 anos
A conselleira lembrou que en Santiago tamén se construirá o primeiro edificio de aloxamentos compartidos na rúa Xoán XXIII, para cuxo proxecto se recibiron 23 ofertas
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas pediu axilidade ao Concello de Santiago para a cesión de solos onde seguir proxectando máis vivenda pública
- Compartir
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, anunciou hoxe que as 24 vivendas de promoción pública que a Xunta constrúe no Castiñeiriño, en Santiago, estarán rematadas neste 2025 e de xeito inmediato á súa finalización se procederá á súa adxudicación entre persoas inscritas no Rexistro de demandantes de vivenda. Allegue supervisou hoxe as obras xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto.
Ademais desta promoción no Castiñeiriño, a Xunta constrúe outros dous edificios de 24 e 12 vivendas en Lamas de Abade, que se prevé que estean rematados no primeiro semestre do 2026. En total, no conxunto dos inmobles invístense preto de 13M€, dos que un 77% son fondos propios da Xunta e o resto finánciase con fondos europeos. Destes fogares reservaranse para menores de 36 anos polo menos un 40% das vivendas para alugueiro.
A conselleira destacou o esforzo e traballo das empresas construtoras, así como a colaboración do Concello de Santiago en materia de vivenda. Neste senso, pediu axilidade para a cesión de solos por parte da Administración local para seguir a proxectar máis vivenda pública. “Gustaríanos poder sumar máis fogares en Santiago-engadiu-. Temos a man tendida para acadar un acordo que nos permita avanzar”.
A estas 60 vivendas en construción no Castiñeiriño e Lamas de Abade, hai que engadir o primeiro inmoble de aloxamentos compartidos para menores de 36 anos, con 60 vivendas, que construirá a Xunta na rúa Xoán XXIII. A redacción do proxecto, para a que se recibiron 23 ofertas, adxudicarase “o antes posible”.
“Son vivendas que terán como destinatarios a xente moza, para que de forma transitoria, poidan establecerse nun espazo adaptado ás súas necesidades -explicou-. Esta é unha solución novidosa en España, que agardo que sexa exemplo para outras zonas”.
Por outra banda, citou que no marco da Estratexia Galega de Solo Residencial, a Xunta recibiu 4 ofertas para a redacción do Proxecto de Interese Autonómico no ámbito de Mallou, no norte da cidade, onde se proxectan unhas 3.460 vivendas. Prevese adxudicar o antes posible.