A Xunta recibe 23 ofertas para a redacción do proxecto para a construción do primeiro edificio de aloxamentos compartidos e temporais para menores de 36 anos, que se ubicará en Santiago
É o primeiro destes inmobles que o Goberno galego construirá en Galicia para ofrecer unha solución habitacional ás necesidades transitorias de residencia da mocidade
O importe de licitación deste contrato acada os 322.132€
O edificio construirase nunha parcela na avenida Xoán XXIII, a carón da biblioteca Ánxel Casal e a previsión é que albergue en torno a 60 vivendas de 1 ou 2 dormitorios, con baño e zona de salón, comedor e cociña, ademais de espazos comúns destinados ao traballo e lecer, zona de lavandería e cuartos de limpeza
Os mozos poderán permanecer ata tres anos en réxime de alugueiro accesible
- Compartir
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas recibiu un total de 23 ofertas de empresas para a redacción do proxecto e da dirección de obra para construír en Santiago o primeiro edificio de aloxamentos compartidos e temporais en alugueiro accesible, destinado á mozos e mozas menores de 36 anos. O importe de licitación deste contrato acada os 322.132€.
O inmoble vaise construír nunha parcela, propiedade da Xunta, situada na avenida Xoán XXIII de Santiago e a previsión é que albergue en torno a 60 vivendas de 1 ou 2 dormitorios, que contarán con baño e zona de salón, comedor e cociña.
A través desta iniciativa, a Xunta busca ofrecer unha solución habitacional ás necesidades transitorias de residencia da mocidade, para axudala no seu proceso de emancipación. Deste xeito, os aloxamentos serán temporais, cun prazo de permanencia de ata tres anos.
Así, a futura edificación en Xoán XXIII busca dar facilidades ás necesidades de emancipación da mocidade que accede ao un primeiro traballo ou están a percibir becas de formación ou de investigación, a fin de que poidan dispoñer duna alternativa residencial adaptada as súas necesidades e que facilite que, unha vez superada esa primeira fase de incorporación ao mercado laboral, poidan acceder a unha vivenda, xa sexa libre ou protexida e permitan o relevo na ocupación do aloxamento que deixan. A intención é replicar esta actuación noutras cidades de Galicia.
A superficie construída sobre rasante do inmoble será de 4.000 m2, dos que uns 3.300 m2 se destinarán a aloxamentos e 700 m2 a locais de uso compartido.
Respecto á distribución prevista, cada aloxamento constará dunha zona para estar, comer e cociñar (que poderán estar integradas ou separadas en pezas independentes), un cuarto de baño e os dormitorios. As superficies útiles dos aloxamentos roldarán os 33 m2 no caso de aloxamentos dun dormitorio, e 44 m2 no caso de aloxamentos de dous dormitorios.
Na edificación, ademais dos aloxamentos propiamente ditos, incluiranse espazos para servizos e usos comúns dos residentes. Así, o inmoble contará cunha sala onde os residentes poderán traballar de forma individual ou colaborativa, que permitirá tamén o teletraballo; así como unha zona de usos múltiples para reunións, estancia ou para a realización de actividades como ximnasio, celebración de eventos, e outras zonas de lavandería e tendido de roupa, e cuartos de limpeza.
O programa completase cun garaxe para aparcamento de automóbiles, unha zona de aparcamento de bicicletas e un rocho por aloxamento.