Rueda sinala que o reparto da débeda autonómica entre todos os españois suporá que cada galego deba pagar 220 euros máis
Apunta a que coa mutualización os galegos pasarían a facerse cargo dunha parte da débeda acumulada por outras comunidades autónomas
Lembra que a prioridade para Galicia é o financiamento autonómico e que a nosa comunidade conta con 127 M€ menos cada mes ao non actualizarse as cifras das entregas a conta por parte do Goberno central
Destaca os avances dados pola Xunta no seu compromiso coa vivenda pública esta lexislatura
- Compartir
Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2025
O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, sinalou hoxe que o reparto da débeda autonómica entre todos os españois suporá que cada galego deba pagar 220 euros máis. Ademais, sinalou que a débeda mutualizada a Galicia “non desaparece”, súmase á doutras Comunidades Autónomas e increméntase a que “pasa a ter cada galego”.
Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia, o presidente da Xunta sinalou que a mutualización dos 4000 M€ de débeda autonómica non implica a transferencia directa deses recursos e que pasen a estar a disposición da Xunta de Galicia. Con esta medida, parte da débeda de todas as autonomías pasaría a estar asumida pola Administración Xeral do Estado, pero as comunidades non contarían con novos recursos e unicamente aforrarían o pago de parte dos xuros, que no caso de Galicia suporía 42 millóns de euros anuais.
Rueda lembrou que a prioridade de Galicia non é a mutualización dunha débeda que pode asumir, senón un financiamento autonómico que permita financiar os servizos públicos e garantir a súa calidade. Neste sentido, Rueda lembrou que cada mes o Goberno de España non actualiza as entregas a conta, Galicia ten “127 M€ menos”, urxindo a poñer estas cifras ao día “canto antes”.
Compromiso coa vivenda pública
Durante o debate, o presidente do Goberno galego tamén lembrou que a vivenda está a ser un “eixo de goberno nesta lexislatura” co compromiso de cumprir co obxectivo de “dobrar o parque público de vivenda”, de 4000 a 8000.
Con este obxectivo, Rueda lembrou que a Xunta xa ten en marcha máis de 2000 vivendas, ten triplicado o orzamento dedicado a este fin, traballa en medidas específicas para axudar á xente moza a adquirir a súa primeira vivenda, colabora coa iniciativa privada e puxo en funcionamento a Sociedade de Vivenda Pública de Galicia.