A Xunta elaborará un Plan de acción para o impulso da construción industrializada a través do Observatorio da Vivenda
A sección técnica do Observatorio mantivo a primeira reunión para abordar os traballos
O plan sentará as bases para a incorporación da construción industrializada aos proxectos de obras da comunidade autónoma
- Compartir
Santiago de Compostela 21 de febreiro de 2024
A Xunta de Galicia, a través do Observatorio da Vivenda de Galicia, elaborará un Plan de acción para o impulso da construción industrializada en Galicia. Con tal fin, a sección técnica do Observatorio mantivo a súa primeira xuntanza co obxectivo de comezar a traballar en dito plan, que servirá para sentar as bases para a paulatina incorporación de sistemas de construción industrializada nas obras de edificación de vivendas da comunidade autónoma.
Tal como se acordou na comisión, o plan incluirá un mapa de capacidades produtivas na comunidade autónoma, identificando as empresas, tecnoloxías e recursos dispoñible e as necesidades e oportunidades específicas de Galicia.
Ademais, tamén contará cun plan de impulso da construción industrializada, cunha guía que axude na toma de decisións na incorporación de solucións industrializadas nos proxectos de edificación.
O plan terá tamén un apartado de dixitalización, coa incorporación da metodoloxía BIM en todos os procesos construtivos e plans de formación nesta tecnoloxía de todos os involucrados no proceso e incentivos para o seu uso.
A sección técnica do Observatorio da Vivenda de Galicia está formada por representantes dos seguintes organismos: Instituto Galego da Vivenda e Solo, Xera, clúster da construción e clúster da madeira, colexios de arquitectos e de arquitectos técnicos, escola superior de arquitectura e escola de arquitectura técnica