A Xunta adxudica por preto de 12,5 M€ a construción de 58 novas vivendas de promoción pública con técnicas industrializadas en Navia, en Vigo
Trátase de dous novos grupos de 37 e 21 vivendas e son as segundas promocións de VPP de San Paio de Navia que se realizarán con técnicas industrializadas, tras terse adxudicado este luns outros 2 bloques de 57 vivendas no mesmo polígono residencial
- Compartir
Santiago de Compostela 14 de febreiro de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou a redacción do proxecto e a obra de construción de 58 vivendas de promoción pública que se levantarán nas parcelas M-IVB-20 e M-IVB-22 de San Paio de Navia, en Vigo, cuxo investimento total rolda os 12,5 M€.
Aos 12,5 millóns de euros da obra de construción hai que sumar máis de dous millóns de euros de coste das parcelas nas que se edifican as vivendas, polo que o investimento total supera os 14,5 millóns de euros, financiados nun 87,30 por cento con fondos propios da Xunta de Galicia e nun 12,70 por cento con fondos da Unión Europea a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia
Este contrato foi licitado en dous lotes. En concreto, a construción de 37 vivendas na parcela M-IVB-20 foi adxudicada á Unión de empresas UTE- Xac S.L./ Orega S.L. por un importe de 7.960.872,12 €.
O lote segundo, que se corresponde coa execución de outras 21 vivendas na parcela M-IVB-22 foi adxudicado á empresa ACCIONA CONSTRUCCION, S.A.. por un investimento de 4.526.638,55 €.
Estas dúas novas obras son as segundas promocións de vivendas de promoción pública de San Paio de Navia que se realizarán con técnicas industrializadas, tras terse adxudicado este mesmo luns dous bloques de 57 vivendas de promoción pública nas parcelas M-IVA-3 3 M-IVA-6 do polígono 1 de San Paio de Navia, cun investimento total de 12.232.897,65 euros.
Así, é obrigada a aplicación de técnicas construtivas industrializadas, o cal se realizará analizando os diferentes e principais sistemas existentes no sector e valorando a mellor relación calidade-prezo, considerando na devandita relación o grao de industrialización e a optimización para a súa aplicación particular en San Paio.
Neste sentido, a execución das obras de edificación levarase a cabo mediante novas técnicas de construción industrializada, aplicando unha ou varias patentes, que permitan axuntar arquitectura con prefabricación, nunha relación que permita optimizar (en prazo, en prezo, en sustentabilidade, en seguridade e/o en calidade e mellor uso e mantemento durante a vida útil do inmoble) a referida promoción.
Entre as técnicas industrializadas que se incluíron nas bases da licitación está o emprego de madeira, tanto na estrutura dos inmobles como en outros elementos dos mesmos.
Esta promoción insírese no compromiso da Xunta de duplicar o parque público de vivenda na actual lexislatura, para o que xa están en distintas fases de execución máis de 2.000 vivendas, con licitacións por un importe que supera os 200 millóns de euros.