O Observatorio de Vivenda de Galicia analiza os programas de mobilización de inmobles para alugueiro da Xunta
O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo da Xunta, Heriberto García Porto, presidiu hoxe a reunión de traballo da sección de financiamento e intermediación, do Observatorio de Vivenda de Galicia que acordou analizar as propostas expostas para a mellora dos programas de mobilización de vivendas
Actualmente a Xunta dispón de dous programas de mobilización de vivendas para alugueiro, xestionados en colaboración cos concellos e os administradores de fincas e axentes da propiedade inmobiliaria.
Os propietarios de vivendas adheridas ao programa benefícianse dos seguros gratuítos de impago e multirrisco do fogar, e de axudas de ata 8.000 euros para a adecuación da vivenda.
- Compartir
Santiago de Compostela 12 de febreiro de 2024
A sección de financiamento e intermediación do Observatorio de Vivenda de Galicia mantivo hoxe a súa primeira reunión, presidida polo secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, na sede do Instituto Galego da Vivenda e Solo na que os participantes procederon ao análise dos programas de mobilización de vivendas para alugueiro da Xunta de Galicia.
Na reunión acordouse que en próximas xuntanzas se analizarán as propostas que presenten os membros co obxectivo de mellorar o funcionamento dos programas e conseguir unha meirande participación nos mesmos de concellos e profesionais co obxectivo de mobilizar o maior número posible de vivendas.
A sección de financiamento e intermediación está composta por representantes dos seguintes organismos e asociacións:
- Instituto Galego de Vivenda e Solo
- Federación Galega de Municipios e Provincias
- Colexio Oficial de Administradores de Fincas de Galicia
- Colexio Oficial de Axentes da Propiedade Inmobiliaria
- Unión de Consumidores de Galicia
- Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
- Consello Galego da Arquitectura Técnica
- Federación de Promotores de Galicia
- Asociación Galega de Inmobiliarias
Dous programas en execución
A Xunta conta con dous programas de mobilización de vivendas para alugueiro en execución.
Un deles xestionase a través dos concellos adheridos ao mesmo e o outro en colaboración co administradores de fincas e axentes da propiedade inmobiliaria.
En ambos programas os propietarios das vivendas benefícianse dos seguros de impago e multirrisco do fogar, que son sufragados integramente pola Xunta de Galicia. Ademais, poden acceder a axudas para a rehabilitación ou adecuación das vivendas, por un importe de ata 8.000 euros.