A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, visitou hoxe o inicio das obras no barrio Ferrol Vello
A Xunta inicia a rehabilitación de dous edificios para acadar 4 vivendas públicas en Ferrol, dentro do programa Rexurbe
O investimento nestas actuacións suman un total de 1,4M€ de fondos propios da Xunta
Os inmobles están situados nas rúas Castro 22-24 e Benito Vicetto 17, no barrio Ferrol Vello
O Goberno galego adquiriu en Ferrol 24 inmobles que permitirán habilitar medio centenar de vivendas
M. Allegue destacou que a Xunta tamén está impulsando máis de 100 vivendas protexidas no polígono de Bertón de Ferrol
- Compartir
Ferrol (A Coruña), 4 de febreiro de 2025
A Xunta vén de dar conta do inicio da rehabilitación de dous inmobles no barrio Ferrol Vello no marco do Programa Rexurbe, na cidade coruñesa. En concreto, as actuacións terán lugar nas rúas Castro 22-24 e Benito Vicetto 17. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou o inicio das obras, financiada con fondos propios do Goberno galego. A previsión é que rematen no verán do 2026. As vivendas resultantes formarán parte do parque público destinado a alugueiro accesible.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas explicou que tamén se atopan en execución as obras dos números 22-24 e 8 da rúa Carme Curuxeiras, nas que se obterán cinco vivendas. No primeiro caso xa bastante avanzadas e no segundo caso, en menor grado de execución, por cuestións técnicas, pero xa de novo a bo ritmo.
M. Allegue recordou que o programa Rexurbe ten como obxectivo a rehabilitación de inmobles para a rexeneración dos cascos vellos das cidades, para que sirvan como catalizador para recuperar e incentivar a iniciativa privada na recuperación dos conxuntos históricos. No caso de Ferrol Vello, apuntou, o Goberno galego ten en marcha diferentes actuacións nos 24 inmobles que adquiriu por un total de 1,5M€ e que sumarán medio centenar de vivendas ao parque de vivenda pública da cidade.
No caso do programa Rexurbe en toda Galicia, M. Allegue salientou que a Xunta adquiriu un total de 94 inmobles, para obter 167 vivendas, cun investimento que acada ata o de agora os 30M€.
A conselleira salientou que a Xunta tamén ten en marcha a construción de máis de 100 vivendas públicas máis no polígono de Bertón de Ferrol, cun investimento polo de agora de preto de 3M€. Destacou que dúas das actuacións atópanse en proceso de licitación de obra, e que o prazo rematará a mediados deste mes en ambos casos.