A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou dúas vivendas rehabilitadas con estas achegas en Cartelle e fixo entrega dunha delas a unha familia que a desfrutará en alugueiro
A Xunta destina 2,2 M€ ás axudas dirixidas á rehabilitación de edificios de titularidade municipal e de infravivenda
Allegue destaca que as axudas para rehabilitar vivendas de titularidade municipal amplíanse aos concellos de 30.000 habitantes e a Xunta apoiará tamén o financiamento de proxectos de rehabilitación que inclúan obras de ampliación
A esta liña de achegas, a Xunta destina 1,8 M€ ata o ano 2026
A conselleira destacou a aposta do Concello de Cartelle para recuperar antigas vivendas de mestres a través destas axudas, tras visitar dous dos inmobles en Nogueiró e Espiñoso
- Compartir
Cartelle (Ourense), 18 de xaneiro de 2025
A Xunta vén de convocar as axudas aos concellos para a rehabilitación de edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugueiro social. As achegas ascenden para este programa a 1.850.000 € ata 2026. Por outro lado, lanza as subvencións do Programa de Infravivenda, dirixidas aos concellos de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar a persoas en situación de vulnerabilidade a sufragar obras para garantir as condicións de habitabilidade nas súas vivendas ou tamén rehabilitar inmobles do patrimonio municipal para garantir o acceso á vivenda. A estas achegas destínanse 370.000 €.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, deu conta hoxe desta nova convocatoria na súa visita a Cartelle, onde destacou a aposta do Concello por recuperar antigas vivendas de mestres a través destas achegas. Así, visitou dous inmobles rehabilitados coas axudas para rehabilitación de edificacións municipais e fixo entrega dunha destas vivendas a unha familia que a desfrutará en réxime de alugueiro.
Allegue subliñou que a nova convocatoria destas achegas busca ampliar o apoio aos concellos para impulsar estas actuacións en edificios da súa titularidade, como poden ser as antigas vivendas de mestres. Deste xeito, as axudas esténdense agora aos que conten con menos de 30.000 habitantes, cando antes se limitaba aos de menos de 20.000.
Ademais, amplíanse as actuacións financiables e esténdense aos proxectos de rehabilitación que inclúan a ampliación das edificacións. E, por outra banda, elimínase o requisito de que os concellos conten con demandantes no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda.
“Con estas achegas -subliñou a conselleira- non só creamos novos fogares, novas vivendas públicas, desta vez municipais, senón que tamén axudamos a asentar poboación nos concellos de menos de 30.000 habitantes”.
As axudas autonómicas poden acadar ata o 95% do orzamento das obras, sen superar os 50.000 € por vivenda rehabilitada, que ascenden a 55.000 no caso de que se atopen nun ámbito histórico ou nun ámbito dos Camiños de Santiago ou da Ribeira Sacra e a 57.000 se a vivenda está nunha área Rexurbe.
Allegue lembrou que o pasado ano foron 26 as vivendas públicas destinadas ao alugueiro consecuencia destas axudas, “e contamos que o número sega a crecer con esta convocatoria 2025”.
Infravivenda
Por outra banda, indicou que a Xunta tamén vén de lanzar a nova convocatoria das subvencións do Programa de Infravivenda, dirixidas a prestar apoio aos concellos de 10.000 habitantes para a rehabilitación de vivendas. Con elas, búscase apoiar ás unidades de convivencia propietarias, que residan nunha edificación ou vivenda que se encontre en mal estado de conservación e que non dispoñan de recursos para acometer as obras que permitan ter as condicións mínimas de habitabilidade.
O obxectivo é tamén permitir a estes concellos rehabilitar infravivendas do seu patrimonio municipal para destinalas a facer fronte aos problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos destas axudas.
Serán subvencionables con cargo a este programa as actuacións que teñan por obxecto a reforma ou rehabilitación de elementos exteriores.; a mellora das condicións estruturais e de seguridade, a mellora da accesibilidade da edificación ou das vivendas e a mellora da habitabilidade. Inclúense dentro desta última actuación a execución de obras que eviten a entrada no edificio do gas radón ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.
Neste caso a contía das achegas poderá acadar ata o 95% do orzamento protexido polas obras, cun máximo de 15.000 € por vivenda rehabilitada.
As bases de ambas convocatorias están recollidas no Diario Oficial de Galicia de onte venres, 17 de xaneiro, e establecen que o prazo de solicitudes abrirase a partir do vindeiro día 27 e ata o 3 de xuño ou o momento de esgotamento do crédito.