A Xunta recibe 12 ofertas para executar as obras para a urbanización do sector autonómico do Campus do Mar nas antigas instalacións da ETEA en Vigo
Esta actuación, na que a Xunta vai investir 4,8M€, terá un prazo de execución estimado de 15 meses, polo que se espera que a mediados do 2026 estea rematada
A fin de dar prioridade á circulación non motorizada, o proxecto de urbanización optará por unha solución de plataforma única, diferenciada pola pavimentación
Fomentarase a conectividade peonil, a través da creación de corredores verdes que permitan conectar as distintas plataformas
- Compartir
Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2024
A Xunta recibiu doce ofertas de empresas para executar as obras para a urbanización do sector autonómico do Campus do Mar nas antigas instalacións da ETEA de Vigo, nas que se investirán 4,8M€. Así mesmo, recibiu 8 ofertas para o contrato do servizo para o control e vixilancia, seguimento ambiental e arqueolóxico e coordinación da seguridade e saúde desta actuación, presupostado en 289.239€.
Trátase da contratación dos traballos de urbanización da área correspondente ao Proxecto Sectorial chamado PS-6, que supón o arranque dos novos usos no ámbito da antiga Escola, onde se situará o futuro Campus do Mar de Vigo, entre outros equipamentos. Esta actuación ten un prazo estimado de 15 meses, polo que a previsión é que a mediados do 2026 os traballos estean rematados.
O ámbito a urbanizar ten unha superficie de algo máis de 20.000 m² e sitúase ao oeste da vía principal, entre as instalacións deportivas e a praza de Armas.
A actuación prevista define un sistema viario adecuado para responder ás necesidades funcionais de comunicación, tanto rodada como peonil, respectando as vías existentes. Levarase a renovación dos servizos e pavimentos e un reaxuste das dimensións e respectaranse todos os elementos de valor patrimonial e ambiental. Executaranse así mesmo as actuacións necesarias para garantir a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida.
A circulación non motorizada terá prioridade, polo que se optará por unha solución de plataforma única, diferenciada pola pavimentación. Coa urbanización fomentarase a conectividade peonil, a través da creación de corredores verdes que permitan conectar as distintas plataformas.
A avenida Central, que se estende desde o acceso ao recinto ata a praza de Armas, constitúe o eixo estruturante de todo o complexo e del partirán ás vías de acceso ás diferentes plataformas nas que se articula o ámbito do PS-6.
Proxéctanse 48 prazas de aparcadoiro no interior do ámbito, distribuídas nas distintas plataformas de acceso ás edificacións.
A actuación prevé a renovación das redes de abastecemento, saneamento, electricidade, alumeado, telecomunicacións e gas, así como as conexións exteriores destes servizos.
En canto ás edificacións existentes, protexerase e conservarase o Edificio Morse e o da Enfermería, pertencentes ao catálogo de elementos de patrimonio cultural do Plan Sectorial, así como a residencia Álava e a residencia Liniers.
Por outra banda, eliminarase o edificio de aulas e o edificio Patiño, e ampliaranse os espazos libres contiguos a estes para a posta en valor do edificio Morse e Enfermería. Suprimirase tamén o Corpo de Garda, cuxas dimensións non se consideran acordes ás necesarias para acoller os usos demandados.