A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, informou das actuacións que está a impulsar o Goberno galego en Navia
A Xunta inicia a construción dun novo edificio de 46 vivendas de promoción pública en Navia, en Vigo, cun investimento de 9,6M€
Allegue explicou que este inmoble, cuxo remate se prevé mediados do vindeiro 2026, está financiado maioritariamente con fondos propios da Xunta, que achega 7,3M€
Lembrou que este novo edificio se suma ao inmoble de 40 vivendas públicas que a Xunta comezou o pasado mes de decembro, cun orzamento de 8,5M€
Avanzou que en marzo comezarán as obras de 38 vivendas públicas e agarda que o Concello outorgue as licenzas para iniciar outros 2 edificios, sumando 77 vivendas máis
Indicou que o Goberno galego, a través da Estratexia de solo residencial, desenvolverá o ámbito do Ofimático que permitirá a construción de 2.300 vivendas
Puxo en valor o obxectivo da Xunta de duplicar o parque público de vivenda en Galicia nesta lexislatura, ata chegar ás 8.000, destacando que en 9 meses xa están en torno a 1.700 vivendas en distintas fases de execución
- Compartir
Vigo, 15 de xaneiro de 2025
A Xunta inicia a construción dun novo edificio de 46 vivendas de promoción pública en Navia, en Vigo, cun investimento de 9,6M€.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, informou hoxe destas actuacións, que teñen un prazo de 18 meses e cuxo remate se prevé mediados do vindeiro 2026.
Allegue remarcou que este inmoble de 5 plantas se executa con fondos maioritariamente da Xunta, pois do orzamento global - 9,6M€ - un total de 7,3M€ son achega autonómica e o resto, fondos europeos.
Lembrou que este novo edificio se suma ao inmoble de 40 vivendas públicas que a Xunta comezou o pasado mes de decembro, cun orzamento de 8,5M€.
Subliñou que o Goberno galego ten en Navia varios proxectos en marcha, en concreto, son catro os bloques de edificios licitados e primando as técnicas industrializadas. Detallou que estes contratos están a piques de adxudicarse.
Concretou que en Navia están en marcha 755 vivendas públicas e investimentos que superan os 111M€.
Avanzou que en marzo botarán a andar as obras de 38 vivendas públicas que xa contan con licencia e agarda que o Concello de Vigo non demore o outorgamento das pendentes presentadas, o que permitirá comezar os outros dous edificios que xa teñen adxudicada a súa execución, sumando así outras 77 vivendas máis.
Apuntou que entre o mes de abril e o de maio, a urbanización do polígono 1 estará finalizada.
Neste sentido, sinalou que a Xunta prevé que a mediados deste ano se estean construíndo máis de 180 vivendas e teranse xa adxudicados eses contratos que restan para que o nivel de traballo neste ámbito avance.
Enmarcou este esforzo técnico e financeiro da Xunta en Navia no obxectivo de duplicar o parque público de vivenda en Galicia, ata chegar ás 8.000, pois en 9 meses xa están en torno a 1.700 vivendas en distintas fases de execución.
Estratexia de solo residencial
A estas vivendas en Navia cómpre sumar as que se poidan construír nos ámbitos que se desenvolverán en Vigo a través da Estratexia de solo residencial. Trátase do ámbito do Ofimático que permitirá a construción de 2.300 vivendas.
Ademais estanse analizando outros 4 ámbitos dos que en febreiro se agarda ter concluídos os estudos de viabilidade: Barrios Carballa Salgueira; A Bouza-Florida-Balaídos; Millareira-Da Garita e Avda. Europa-Pertegueiras-Pista-Robaleira.
A conselleira fixo fincapé en que a área urbana de Vigo contará con máis de 9.000 vivendas, o 80% protexida.