A Xunta inicia as obras de urbanización residencial de Pedralonga, na Coruña, cun investimento de 3,5 M€
Trátase dunha das actuacións recollidas no Proxecto de Interese Autonómico do Novo CHUAC, e a urbanización reserva solo para 17 vivendas unifamiliares destinadas ás persoas propietarias que optaron pola reubicación, como parte da compensación pola expropiación
A Xunta comeza cos traballos, que contan cun prazo de execución de 12 meses, e contemplan tamén zonas verdes, área comercial, aparcadoiros e un novo viario residencial con preferencia para peóns
Nas obras inclúense actuacións de preservación do patrimonio histórico e cultural, así como de integración paisaxística que contribuirán a mellorar o trazado do Camiño Inglés a Santiago ampliando a senda peonil na avenida de Pedralonga-Monserrat
- Compartir
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2025
A Xunta vén de iniciar as obras correspondentes á urbanización residencial da zona de Pedralonga, que acollerá aos particulares afectados polas expropiacións necesarias para a execución do Novo Hospital Público da Coruña.
Esta intervención, que conta cun investimento de 3,5M€, forma parte das actuacións recollidas no Proxecto de Interese Autonómico do Novo CHUAC, que ten como obxectivo favorecer a reubicación dos particulares expropiados pola ampliación do novo complexo sanitario. Deste xeito, ofrécese unha alternativa á mera compensación económica ao poñer á súa disposición parcelas edificables para facilitar que poidan dispoñer dunha nova vivenda. Nos casos das persoas propietarias que optaron pola reubicación, entregaráselles unha parcela xa urbanizada en Pedralonga como parte da compensación pola expropiación. A futura vivenda será construída polos particulares, unha vez se lle entregue a parcela.
A día de hoxe, no que se refire ás vivendas, o procedemento expropiatorio está moi avanzado, téndose levantado actas de ocupación, estanse a asinar os mutuos acordos para as expropiacións, que nos casos nos que se prevé a reubicación xa inclúe a entrega da parcela.
Neste contexto, a Xunta está a acometer os primeiros traballos de implantación de obra e os precisos de roza da parcela para a urbanización do sector residencial de Pedralonga. As obras teñen un prazo de execución de doce meses.
A obra da urbanización residencial que se vén de iniciar hoxe en Pedralonga acada 29.075 m2 de superficie na zona situada entre a avenida de Pedralonga-Monserrat e a avenida da Pasaxe, ao sur dos edificios do Oncolóxico. Proxéctase unha urbanización residencial na que terán cabida 17 novas vivendas, todas de tipoloxía unifamiliar illada, á que se reservan 6.888 m2 edificables.
Así mesmo, contará con 2.936 m2 de zona verde, 70 m2 edificables de zona comercial, 2.599 m2 de equipamento público e 70 prazas de aparcadoiro, 34 de titularidade pública e 36 privadas
A zona articularase en torno a unha rúa de nova apertura concibida como un viario de tráfico moi lento e de residentes, en plataforma única compartida, co obxectivo de dar preferencia aos peóns.
Esta actuación en Pedralonga preservará o patrimonio histórico e cultural, así como a integración paisaxística. Para iso, inclúense medidas que contribuirán a mellorar a experiencia por parte dos peregrinos no trazado do Camiño Inglés a Santiago, ampliando o itinerario peonil na avenida de Pedralonga-Monserrat ata os 6 metros, con plantación de arborado ao longo do percorrido.
Tamén se dotará o itinerario dun novo pavimento acorde aos valores para protexer, preservaranse as vistas sobre a ría e proxectarase unha urbanización de calidade, visible desde o itinerario.