O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, respondeu en sede parlamentaria a unha pregunta sobre vivenda
A Xunta lembra que a Lei estatal de vivenda achega máis incertezas que confianza ao mercado residencial
García Porto destaca que a Xunta segue mantendo que a declaración de zonas tensionadas “non é unha medida eficaz”, e aposta por dar seguridade xurídica para que os propietarios oferten vivendas en alugueiro e os promotores impulsen desenvolvementos para este fin
Lembra que ata o momento ningún concello galego solicitou a declaración de zona tensionada, e só houbo “declaracións de intencións”
Destacou que a Xunta está a traballar en medidas que faciliten o acceso á vivenda, coa construción de vivenda pública nos concellos de maior demanda, a concesión de axudas a promotores para a construción de vivendas para alugueiro e o desenvolvemento de solo
- Compartir
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2024
A Xunta salienta que ningún concello presentou ata o momento a solicitude de declaración de zona tensionada e advirte das consecuencias negativas desta medida para o mercado de alugueiro de vivendas.
O secretario do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, subliñou nunha intervención parlamentaria que a Xunta non ten ningún cambio de posición respecto á declaración de zonas tensionadas, medida que non considera eficaz para solucionar o problema do prezo da vivenda “e que trae máis incertezas que confianza ao mercado residencial, e así o seguimos mantendo”.
“Desde a Xunta -indicou- sempre dixemos que non íamos declarar de oficio zonas de mercado residencial tensionado. Pero tamén, sempre dixemos que, dende logo, iamos a cumprir a lei”.
Non obstante, ante a falta de claridade no procedemento establecido polo Goberno central, a Xunta realizou unha modificación na Lei de Vivenda de Galicia para detallar os pasos a seguir por parte dos concellos para solicitar a declaración, que deben avalar con documentos e estudos técnicos a súa solicitude.
Con esta regulación, sinalou o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, posibilítase que os concellos que, logo do seu análise e propostas, considere que debe aplicala, a poda implantar. “Sempre defendemos -apuntou- que é necesaria unha participación activa dos concellos para solucionar o problema de acceso a vivenda e polo tanto, e mais alá de non considerala unha medida adecuada, cremos que debemos tramitar as iniciativas municipais que se presenten”.
Insistiu en que ata o momento non se ten rexistrado ningunha solicitude por parte dos concellos coa correspondente achega da documentación preceptiva, “só declaracións de intencións”.
Reiterou que a Xunta aposta por dar seguridade xurídica para que os propietarios oferten as súas vivendas en alugueiro e os promotores impulsen novos desenvolvementos para destinalos a este fin.
Apuntou que esta medida do Goberno central só lle vai poñer tope aos prezos ás vivendas de grandes tenedores, que en Galicia son menos do 4%, e ás que levan máis de 5 anos sen alugarse, polo que non vai incentivar que se poñan no mercado. E advertiu de que con esta iniciativa, os propietarios preferirán vender as vivendas, destinalas ao alugueiro turístico, alugalas por cuartos ou mantelas baleiras, como está acontecendo en cidades europeas que adoptaron medidas similares.
Pola contra, destacou que a Xunta, está a traballar en medidas que faciliten o acceso á vivenda, coa construción de vivenda pública nos concellos onde se concentra a maior demanda, a concesión de axudas a promotores para a construción de vivendas para alugueiro e o desenvolvemento de solo que permita a construción de 25.000 vivendas, das que 20.000 serán protexidas. Paralelamente, ofrécense axudas para o alugueiro e adquisición de vivendas e estimúlase a saída ao mercado de alugueiro da vivenda baleira.
“Niso deberiamos centrar os esforzos todas as administracións para axilizar prazos e tramitacións que permitan dar solución definitiva dende a iniciativa pública á dificultade de acceso”, engadiu.