A Conselleira M. Allegue avanzou hoxe en Moraña a publicación este vindeiro luns no Diario Oficial de Galicia deste incremento para “chegar ao máximo número de mozos posibles”
A Xunta amplía en máis de 760.000 € os fondos das axudas aos mozos menores de 36 anos para a adquisición de vivendas en concellos de menos de 10.000 habitantes e centros históricos
A conselleira fai fincapé na moi boa acollida desta iniciativa da Xunta, a través da que leva concedido ata o momento 250 axudas para adquisición de vivendas en concellos de menos de 10.000 habitantes e 50 en centros históricos
Incide na contribución deste tipo de axudas que responde á vontade da Xunta de, ademais de facilitar o acceso aos mozos a unha vivenda, asentar poboación nestes concellos máis pequenos, que representan o 90% dos municipios de Galicia
Pon o acento nas medidas de reforzo no acceso á vivenda dos mozos, para o que o 40% do novo parque de vivenda pública que está a construír a Xunta destinado ao alugueiro reservarase aos menores de 36 anos, e un 25% para compra
Subliña tamén o impulso da medida pioneira de aloxamentos temporais en alugueiro para menores de 36 anos, como será a construción do primeiro destes edificios pensado para mozos cun primeiro traballo aos que se quere dar un pulo á emancipación
- Compartir
Moraña (Pontevedra), 14 de decembro de 2024
A Xunta amplía en máis de 760.000€ os fondos destinados ás axudas aos mozos menores de 36 anos para a adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes e centros históricos.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, M. Allegue, achegouse hoxe ata Moraña ao ser este municipio pontevedrés un dos que máis beneficiarios se acolleron a este programa de axudas, para avanzar esta ampliación de fondos e poñer cara ás políticas de vivenda da Xunta. Neste caso ás axudas dirixidas aos mozos menores de 36 anos para que poidan dispor dunha vivenda.
Deste investimento, de máis de 760.00 euros, un total de 670.740€ destinaranse ás axudas para mercar vivendas en municipios de menos de 10.000 habitantes; e 90.000€ á adquisición en centros históricos.
Tal a e como subliñou M. Allegue, a moi boa acollida da iniciativa da Xunta permite levar concedido ata o momento 250 axudas para adquisición de vivendas en concellos de menos de 10.000 habitantes e 50 en centros históricos.
Segundo explicou a conselleira esta ampliación de fondos, que este vindeiro luns se publicará no Diario Oficial de Galicia, atenderá a aqueles solicitantes que nos puideron acceder nun primeiro momento ás axudas por esgotamento do crédito, perseguindo así “chegar ao máximo número de mozos posibles” .
Puxo de exemplo o concello de Moraña onde se outorgaron un total de 7 axudas, que permiten a outras tantos mozos deste municipio acceder ás súas vivendas coa colaboración destes incentivos. M. Allegue, fixo fincapé en como con estas axudas en concellos de menos de 10.000 habitantes a menores de 36 anos, responde á vontade da Xunta de, ademais de facilitar o acceso a unha vivenda, “asentar poboación nestes concellos máis pequenos, que representan o 90% dos municipios de Galicia”.
Para a Xunta, tal e como salientou a conselleira, facilitar o acceso á vivenda é unha das máximas prioridades desta lexislatura. M. Allegue incidiu aquí nas políticas da Xunta dirixidas a reforzar as medidas para que os mozos conten co seu fogar, “conscientes de que é un dos colectivos con maiores dificultades para emanciparse”.
Por iso, concretou, o 40% do novo parque de vivenda pública que está a construír a Xunta destinado ao alugueiro reservarase aos menores de 36 anos, e un 25% para compra.
Tamén se referiu ao impulso da medida pioneira, de aloxamentos temporais en alugueiro para menores de 36 anos, que o departamento que dirixe M. Allegue promove en colaboración coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Lembrou aquí o exemplo de Santiago, a carón da biblioteca Ánxel Casal e a un paso do casco histórico, onde se construirá o primeiro destes edificios pensado para mozos cun primeiro traballo, investigadores, estudantes do MIR... aos que se quere dar un pulo á emancipación.