M. Allegue reivindica a construción industrializada na clausura do Foro do Clúster do sector
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas incidiu en que a Xunta xa está a apostar por estas técnicas “cara unha construción máis eficiente e sostible”
Allegue reiterou a necesidade da colaboración público-privada e as sinerxías co sector para acadar o reto de dar resposta á cidadanía na demanda dunha vivenda digna, de calidade e a un prezo accesible
- Compartir
Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2024
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, clausurou hoxe en Santiago o primeiro Foro da Construción Industrializada, promovido polo Clúster Galicia Constrúe, no que reivindicou estas técnicas industrializadas polas que xa está a apostar a Xunta en a obra pública cara acadar “unha construción máis eficiente e sostible”.
M. Allegue puxo en valor a celebración deste primeiro foro para “facilitar o intercambio de coñecemento e experiencia” sobre a construción industrializada e remarcou que na actualidade, o elevado volume de obra pública que está a planificar, licitar e construír a Xunta “obrigan a explorar outras oportunidades, e a construción industrializada, é, sen dúbida, unha delas e moi interesante”.
Lembrou neste senso o reto que ten a Xunta para duplicar o parque público residencial, con 4.000 vivendas máis, e da Estratexia Galega de Solo Residencial, que prevé desenvolver solo para facilitar a construción doutras 25.000 vivendas, 20.000 delas protexidas. Dentro desta estratexia, lembrou que mañá se licitará a redacción dos Proxectos de Interese Autonómico (PIA) e de expropiación e parcelamento para desenvolver sete ámbitos, un deles en Mallou, en Santiago, que permitirá a construción dunhas 3.500 vivendas.
E a conselleira incidiu tamén nas inquedanzas transmitidas polo sector nos continuos encontros mantidos nestes últimos meses, especialmente as que se refiren á a falta de man de obra ou a premura na consecución dos obxectivos.
“Precisamos, polo tanto, -subliñou- máis que nunca innovación constante e técnicas máis sostibles e eficientes, que fan necesario o pulo en Galicia destas técnicas industrializadas na construción. Cremos firmemente que todos estes procesos contribúen a dar resposta ás demandas do sector e á axilización dos tempos da construción, e ao mesmo tempo ao coidado do noso medio ambiente e ao pulo da nosa economía”, engadiu.
A conselleira volveu reivindicar a necesidade da colaboración público-privada para acadar o gran reto de dar resposta á cidadanía na súa demanda dunha vivenda digna, de calidade e a un prezo accesible. E no marco do contacto co sector, sinalou que se están a manter encontros con empresas especializadas nestas técnicas industrializadas, así como as que están a apostar pola introdución da madeira como elemento estrutural.
M. Allegue lembrou neste senso a vantaxe de contar en Galicia cunha enorme riqueza desta materia prima da madeira, “que temos que protexer e potenciar”. Froito deste propósito son tamén os recentes acordos asinados coa Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) para fomentar o uso da madeira nas construcións do Instituto Galego da Vivenda e Solo e a Axencia Galega de Infraestruturas.
A conselleira avanzou que a Xunta ten xa incorporadas xa as técnicas industrializadas en varios bloques de residenciais colectivos de vivenda pública, nos que se licita conxuntamente proxecto e obra mediante técnicas industrializadas primando tamén o uso da madeira.
“As técnicas industrializadas veñen para quedarse -concluíu-. Temos clara a necesidade de liderar este cambio cara unha construción e unha industria máis sostible, e nese marco estamos a traballar”.