A Xunta licita por preto de 510.000 euros a redacción de proxectos para a construción de 75 vivendas de promoción pública no polígono do Bertón, en Ferrol
Trátase do contrato de redacción e dirección de obra de novas vivendas, garaxes, rochos e locais na parcela 10 deste polígono, de 2.243 m2 de superficie
As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o vindeiro 25 de novembro para presentar as súas ofertas
A Xunta segue a traballar pola vivenda de promoción pública neste barrio da cidade que, coa licitación de hoxe, permite ter en marcha xa 369 novas vivendas en Ferrol
- Compartir
Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2024
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou hoxe os contratos para a redacción de proxectos para a construción de 75 vivendas de promoción pública (VPP) no Bertón, no concello de Ferrol.
Estes traballos, licitados por un importe de 508.408 euros, ten por obxecto a redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra para a construción de 75 vivendas protexidas, garaxes, rochos e locais na parcela 10 do polígono do Bertón, de 2.243 m2 de superficie, urbanizada a través da sociedade de Xestión do Solo de Galicia-Xestur Galicia.
As empresas interesadas nestes contratos poden presentar ofertas ata o vindeiro día 25 de novembro.
Esta contrato amosa a aposta pola vivenda de promoción pública neste barrio da cidade que, coa licitación de hoxe, permite ter en marcha xa 369 novas vivendas en Ferrol, en distintas fases de desenvolvemento.
Así, nestas últimas foron licitados os contratos de redacción de proxectos para a construción doutras 116 vivendas nas parcelas 14 e 15 do Sector PP1-R deste mesmo polígono por un investimento de case 915.000 euros.
Ademais, a Xunta ten licitada a redacción dos proxectos doutras 178 vivendas de promoción pública que se construirán no Bertón. Dese total, en agosto adxudicouse a redacción dos proxectos de 54 vivendas, que se construirán en dúas parcelas de 27 cada unha. E o pasado 16 de setembro licitouse a redacción dos proxectos doutras 124 vivendas, que se construirán en dúas parcelas de 75 e 49 vivendas, respectivamente.