A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou na clausura da xornada 'A España despoboada'
A Xunta destinará 4 millóns de euros en 2024 para facilitar o acceso á vivenda e promover o asentamento de poboación en concellos rurais de Galicia
Ángeles Vázquez lembra que o Goberno galego leva anos desenvolvendo políticas transversais de cara a fixar poboación no rural garantindo a calidade de vida e a adecuada prestación de servizos
Reivindica a Comunidade como un refuxio climático verde e sostible que conta cunha ampla biodiversidade e unha meteoroloxía máis amable que noutras zonas de España
- Compartir
Rois (A Coruña), 22 de novembro de 2023
A Xunta de Galicia destinará 4 millóns de euros o vindeiro ano para facilitar o acceso á vivenda e promover o asentamento de poboación en concellos rurais, segundo salientou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.
Durante a súa intervención na clausura da xornada A España despoboada, a vicepresidenta segunda lembrou que o Goberno galego leva anos desenvolvendo políticas transversais de cara a fixar poboación no rural garantindo a calidade de vida e a adecuada prestación de servizos.
Nesa liña, Ángeles Vázquez incidiu en que o acceso á vivenda é un aspecto que inflúe decisivamente no asentamento de poboación no territorio. Así, en 2024 a Xunta reserva 1,9 millóns de euros para a concesión de axudas para a compra de vivendas en municipios de ata 10.000 habitantes dirixidas a mozos menores de 35 anos. Logo de subliñar que “esta partida supón unha suba do 27% con respecto ao orzamento de 2023”, a vicepresidenta segunda explicou que estas axudas permitiron axudas a 600 mozos nos últimos 3 anos.
A maiores, o vindeiro ano manteranse, cun orzamento de 2,1 millóns de euros, as axudas para recuperar inmobles e edificios de propiedade municipal dirixidas concellos de menos de 20.000 habitantes e que prevé sumar 331 vivendas en réxime de alugueiro ao parque público municipal.
Ademais, cómpre lembrar que a política fiscal da Xunta permitiu situar Galicia como a comunidade autónoma con impostos máis baixos para adquirir unha vivenda, tanto para quen a compra no rural como para os galegos de menos de 36 anos, as familias numerosas ou as persoas con discapacidade.
Durante a clausura desta xornada, a vicepresidenta segunda tamén reivindicou a Galicia como un “refuxio climático verde e sostible” que conta cunha ampla biodiversidade e unha meteoroloxía máis amable que noutras zonas de España.
De feito, a Xunta está a colaborar coa Universidade de Vigo na elaboración dun plan de refuxios climáticos en Galicia xa que é fundamental dotar a Comunidade dunha rede do que se coñece como “illas de frío”, que son espazos sinalizados, ben distribuídos e gratuítos que contan con refrixeración e aire condicionado nos que a cidadanía se poida refuxiar en días de temperaturas excesivas.