Infraccións graves
- Compartir
Infraccións leves
As infraccións definidas coma leves segundo o Artigo 52 son as seguintes:
1. Terán a cualificación de infraccións leves:
g) Ocupa-las vivendas de protección oficial ou declaradas protexidas pola Comunidade Autónoma antes da súa cualificación ou declaración definitiva, sen autorización expresa da administración.
i) O incumprimento dos requisitos formais no depósito das fianzas dos arrendamentos de vivenda e predios urbanos ou para a declaración do réxime concertado, así como o incumprimento da obriga do arrendador de entregarlle ó arrendatario o xustificante de ter realizado o depósito da fianza ou a súa actualización.
k) A temeridade na denuncia, así como a denuncia falsa de supostas infraccións tipificadas nesta lei ou na lexislación de vivendas de protección oficial.
Infraccións graves
Artigo 53. Infraccións graves
1. Terán a cualificación de infraccións graves:
b) A execución de obras en vivendas de protección oficial que modifiquen o proxecto aprobado sen a previa autorización da administración competente, aínda que se axusten ás ordenanzas técnicas e normas constructivas que sexan aplicables, durante o prazo de vixencia da cualificación ou declaración provisional ou definitiva.
h) A falta de ocupación da vivenda nos prazos regulamentariamente establecidos.
i) O incumprimento da obriga de conservación e mantemento das vivendas de promoción pública por parte dos seus ocupantes.
j) O arrendamento conxunto de vivenda e local de negocio non incluído como anexo na cédula de cualificación ou declaración definitiva.
k) O arrendamento de vivendas que non cumpran as condicións obxectivas de habitabilidade.
l) Non deposita-la fianza e as actualizacións correspondentes no caso de arrendamentos de vivendas e predios urbanos, ou contratos de subministracións e servicios, cando a cantidade non depositada sexa inferior a 3.005,06 euros, así como a presentación fóra de prazo da declaración anual en réxime de concerto.
m) O incumprimento, por acción ou omisión, das obrigas establecidas en resolucións firmes dictadas en procedementos administrativos referentes ó réxime legal das vivendas de protección oficial ou das declaradas protexidas pola Comunidade Autónoma. Cando medie reincidencia ou mala fe, a infracción será considerada moi grave.
ñ) A obstrucción ou a negativa a subministrar datos ou a facilita-las funcións de información, vixilancia ou inspección que practique a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
o) A omisión da realización das obras de reparación precisas nas vivendas cedidas en réxime de arrendamento para mantelas en condicións de salubridade e hixiene, conforme as normas que rexen nesta materia, nos supostos distintos ós tipificados como infracción moi grave no artigo 54.1
Infraccións moi graves
Artigo 54. Infraccións moi graves
1. Terán a cualificación de infraccións moi graves:
a) A percepción dos compradores ou adquirentes de vivendas de protección oficial durante o período de construcción de cantidades a conta do prezo sen a previa autorización por escrito da administración ou sen cumpri-los requisitos legais.
b) A cesión da titularidade do expediente de promoción de vivendas de protección oficial sen a obtención previa da autorización expresa do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
c) A inexactitude dos documentos ou das certificacións que resulten fundamentais para obte-la resolución administrativa co recoñecemento dos dereitos económicos, de protección ou habitabilidade solicitados, expedidos polos promotores ou pola dirección facultativa das obras de vivendas.
d) A neglixencia de promotores, constructores e facultativos durante a execución das obras de edificación de protección oficial que dea lugar a vicios ou defectos graves que afecten a edificación ou habitabilidade das vivendas e se manifesten durante os cinco anos seguintes á data de expedición da cédula de cualificación definitiva.
e) A omisión na publicidade de venda das vivendas de protección oficial dos requisitos legalmente establecidos para o efecto.
h) Non destinar a domicilio habitual e permanente ou manter deshabitadas sen causa xustificada durante un prazo superior a tres meses as vivendas de protección oficial, así como aquelas para as que se obtivese financiamento público, de conformidade co establecido ó respecto nas súas normas específicas, e, en todo caso, dedica-las vivendas de protección oficial ou declaradas protexidas pola Comunidade Autónoma a usos non autorizados ou a alteración do seu réxime de uso, establecido na cédula de cualificación ou declaración definitiva.
i) A utilización de máis dunha vivenda de protección oficial ou das declaradas protexidas pola Comunidade Autónoma, agás cando se trate de titulares de familia numerosa no marco normativo regulador desta situación.
j) A falsidade de calquera feito que sexa determinante da adxudicación nas declaracións e na documentación esixidas para o acceso ou uso das vivendas de protección oficial promovidas pola Comunidade Autónoma de Galicia ou por outros entes públicos territoriais que teñan atribuída esta competencia.
k) A omisión do visado pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia dos contratos de compravenda e arrendamento de vivendas de protección oficial ou declaradas protexidas pola Comunidade Autónoma.
l) A transmisión de vivendas de protección oficial promovidas, sen ánimo de lucro, polas administracións públicas, dentro dos cinco anos seguintes á data do contrato de compravenda de adquisición, sen a autorización administrativa correspondente, e sen prexuízo do dereito da administración ó exercicio dos dereitos de tanteo e retracto legais establecidos nesta lei.
m) A percepción de sobreprezo, prima ou cantidade en concepto de compravenda ou arrendamento nas vivendas de protección oficial, nas declaradas protexidas pola Comunidade Autónoma, así como nas que obtivesen financiamento público, que sobrepasen os prezos e as rendas máximas establecidas na lexislación vixente aplicable.
n) Non deposita-la fianza e as súas actualizacións correspondentes no caso de arrendamentos de vivendas e predios urbanos, ou de contratos de subministracións e servicios, cando a cantidade non depositada supere as 3.005,06 euros nun período dun ano.
ñ) A falsidade na declaración de solicitude dos requisitos esixidos para a obtención de financiamento protexido na promoción ou adquisición de vivendas.
q) A omisión da realización das obras de reparación necesarias nas vivendas cedidas en réxime de arrendamento para mantelas en condicións de salubridade e hixiene, conforme as normas que rexen nesta materia, cando afecte de maneira importante as condicións de vida dos seus moradores ou cando se aprecie reiteración e incumprimento do requirimento para a súa realización, formulado pola administración competente.