Réxime concertado
- Compartir
Solicitude
Para acollerse ao réxime de concerto deberase presentar ante o director xeral do IGVS unha solicitude normalizada e achegar a documentación que nela se require.
Así mesmo terán que darse de alta como usuarios na páxina web que o IGVS ten destinada para tal fin.
O director xeral do IGVS resolverá no prazo máximo de tres meses que empezarán a contar desde a data de presentación da solicitude.
De ser denegada a concesión do depósito de fianzas no réxime de concerto, os solicitantes deberán depositar as fianzas no réxime xeral no prazo dun mes, que contará a partir do día seguinte de recibir a notificación da resolución denegatoria.
Para quen?
Réxime de concerto obrigatorio:
As empresas, entidades ou administracións públicas que presten subministracións ou servizos deberán depositar no IGVS as fianzas que por calquera concepto lles esixan aos abonados na formalización dos contratos que afecten a vivendas e predios urbanos.
Réxime de concerto voluntario:
- Os arrendadores, asociacións de propietarios de inmobles urbanos e profesionais dedicados á administración de predios urbanos se cumpren polo menos un dos seguintes requisitos:
- Que administren un mínimo de 50 vivendas ou locais comerciais.
- Que o importe total das fianzas administradas sexa igual ou superior a 30.000 euros.
- Os propietarios de centros e grandes superficies comerciais.
*En ambos os casos deberán presentar un aval bancario que cubra o 20% do importe das fianzas xestionadas.
Forma e prazo do depósito
No prazo de 30 días naturais dende que reciban a resolución de concesión do réxime de concertos, os seus titulares deberán:
- Presentar unha declaración inicial das fianzas en vigor mediante un modelo normalizado.
- Ingresar a favor do IGVS o 90% do valor global das fianzas depositadas. O 10% restante reservarase para atender as devolucións ou liquidacións que se produzan no momento da extinción dos contratos de aluguer.
- De transcorreren tres meses sen que se produza o ingreso, o IGVS iniciará o proceso de cesamento no réxime de concerto.
Así mesmo durante os primeiros 15 días do mes de xaneiro de cada ano natural presentarán ante o IGVS unha liquidación na que conste a relación de altas e baixas de contratos, que incluirá as fianzas constituídas, modificadas ou devoltas no ano anterior e o saldo resultante, o que determinará o depósito que debe realizarse.
Para realizar todos estes trámites e calquera outro (cesamento a pedimento da parte interesada, cambio do réxime xeral ao concertado...) as persoas interesadas deberán seguir as instrucións da páxina web que o IGVS ten habilitada para tal fin.