A Xunta reforza o uso das técnicas industrializadas na construción de vivenda pública na comunidade
O secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, interveu esta semana en Madrid no Foro de Construción Industrializada
García Porto explicou que o Observatorio de Vivenda de Galicia conta cun grupo de traballo específico para o impulso da construción industrializada
Puxo en valor os Orzamentos da Xunta para 2026, que constan dunha dotación de 350M€ para vivenda, dos que 163M€ se dirixirán á construción de novos fogares
- Compartir
Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2025
A Xunta reforza o uso das técnicas industrializadas na construción de vivenda pública en Galicia.
Así o salientou o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, que interveu esta semana en Madrid na mesa redonda sobre “Impulso da construción industrializada. Iniciativas para incentivar a construción de vivenda pública e protexida”, no marco do Foro de Construción Industrializada, promovido pola Asociación Española de Construción Industrializada.
García Porto explicou que o Observatorio de Vivenda de Galicia conta cun grupo de traballo específico para o impulso da construción industrializada. Esta sección está integrada pola Xunta, o Clúster da Madeira, o Clúster da Construción, o COAG ou as escolas tecnicas entre outros actores. Neste grupo de traballo se esta a elaborar un plan director de impulso da construción industrializada que inclúe a elaboración de guías técnicas e de accións formativas neste ámbito.
Trátase dunha medida máis no obxectivo prioritario da Xunta de seguir facilitando o acceso da cidadanía á vivenda. Así, os Orzamentos autonómicos para 2026 constan dunha dotación de 350M€ destinada a políticas de vivenda, dos que 163M€ se dirixirán á construción de novos fogares.
O director detallou que estas cifras permitirán seguir avanzando nos eixes fundamentais do departamento que dirixe: construción de vivenda pública e impulso de vivenda protexida, mobilización de vivenda baleira, rehabilitación e desenvolvemento de solo residencial.