O director do Instituto Galego de Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, compareceu no Parlamento para dar conta dos Orzamentos en materia de vivenda para 2026
A Xunta incrementa no 2026 nun 22% o orzamento do IGVS, que acadará a cifra récord de 269 M€
O director do IGVS subliña que dos 269M€ do orzamento, 62,45% corresponden a fondos propios, 168M€, e só o 17% provén de fondos finalistas do Estado
García Porto destaca as novas medidas orientadas a incrementar o parque público residencial, entre elas a oferta pública de adquisición de baixos para transformalos en vivenda pública de calidade e con carácter permanente, que arrancará cun programa piloto en Ourense
Subliña tamén a modificación normativa para a construción de vivenda protexida en solos dotacionais en desuso ou a regulación dos aloxamentos compartidos
- Compartir
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2025
A Xunta incrementa no 2026 nun 22% o orzamento do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que acadará unha cifra récord de 269,2M€. O director do IGVS, Heriberto García Porto, compareceu hoxe no Parlamento para dar conta dos presupostos do departamento para o vindeiro ano e subliñou que do total de 269M€, un 62,45% corresponden a fondos propios, un total de 168M€, e só o 17% provén de fondos finalistas do Estado.
García Porto destacou que os novos orzamentos amosan a aposta clara da Xunta para facilitar o acceso dos galegos á vivenda, eido ao que a Xunta destinará un total de 350M€. Ao presuposto do IGVS hai que sumar os 77,8M€ de orzamento que terá a Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), ademais dos 2,7M€ para o Consorcio do Casco Vello de Vigo.
O director do IGVS lembrou que o Goberno galego xa ten en marcha preto de 3.000 vivendas públicas das 4.000 comprometidas nesta lexislatura e dispón da dotación orzamentaria para acometer a súa execución, con 163,1M€ destinados nos orzamentos 2026 á construción, que supoñen un incremento do 63% respecto a este ano, no que xa se triplicara.
Incidiu así mesmo na aposta para axilizar a posta a disposición de nova vivenda da man do sector, destacando o impulso das técnicas industrializadas para modernizar a construción e reducir tempos e custos, a través dun plan director en colaboración con esta industria, abordando os desafíos de sostibilidade, eficiencia e competitividade que require o mercado actual.
Xunto aos obxectivos das novas contas da Xunta, o director do IGVS destacou as novas medidas orientadas a incrementar o parque público, como a oferta pública de adquisición de baixos para transformalos en vivenda pública de calidade e con carácter permanente, dotado con 5M€, 2M€ no 2026. Arrancarase cun programa piloto en Ourense, onde se fará a primeira oferta pública para a adquisición de baixos que reúnan condicións técnicas e xurídicas adecuadas, e acometeranse as obras necesarias para convertelos en vivendas públicas e que, no seu caso, poderán destinarse a colectivos específicos como persoas con mobilidade reducida.
Trátase dunha medida que complementará o programa Fogar Vivo para mobilizar vivenda baleira, ao que se destinan 2,6M€ no vindeiro ano.
Engadiu que o Instituto Galego de Vivenda e Solo comprará directamente as vivendas públicas en segundas e posteriores transmisións, ampliando o parque público de vivendas con cualificación permanente. Esta medida é complementaria do exercicio de tanteo e retracto.
Por outra banda, regularase a figura dos aloxamentos compartidos, en canto á súa composición e características, a través dunha modificación da Lei de Vivenda. Estenderase a súa aplicación para que poda ser promovidos por outros promotores públicos e privados ao igual que sucede en gran parte do territorio estatal, mantendo os estándares de calidade das vivendas.
García Porto explicou que este modelo residencial, máis flexible, cunha comunidade integrada e servicios incluídos adáptase ás novas formas de convivencia e equilibra a autonomía individual e a vida compartida. Neste senso, puntualizou que se trata dun complemento para outras formas e necesidades de uso residencial que está a ser demandado por sectores da poboación que debido a súa mobilidade laboral, ou necesidade dispoñer de servizos comúns, ou necesidades transitorias de vivenda, requiren outras formas de residencia.
Outra das medidas facilitará a construción de vivenda protexida e aloxamentos compartidos en solos dotacionais públicos ou privados en desuso. Poderán destinarse a construír vivendas ou aloxamentos promovidos pola Xunta ou promotores do sector, sen necesidade de modificar o planeamento urbanístico e as vivendas resultantes terán cualificación pública permanente.
Solo residencial
Ademais, a Xunta busca facilitar que os concellos poidan mobilizar solo para ter máis vivenda protexida. Deste xeito, a partir do vindeiro ano as entidades locais poderán promover e desenvolver Proxectos de Interese Autonómico para a creación de solo destinado ao menos nun 80% á construción de vivenda protexida.
A Xunta tramitará e aprobará o proxecto de ordenación e os concellos os proxectos de urbanización, delimitación de fases e parcelación. Isto permitirá unha maior axilidade e flexibilidade na tramitación destes instrumentos e unha maiores reservas de solo para vivenda protexida
E tamén se permitirá incrementar a edificabilidade en solos urbanizables, sempre que se garante que o 60% será para vivenda protexida.
No eido da Estratexia de Desenvolvemento de Solo Residencial que está a abordar a Xunta, prevese unha dotación de 18 M€, e García Porto subliñou que xa está en tramitación, en urbanización ou urbanizado solo para a construción de preto de 21.000 vivendas, a través dos Proxectos de Interese Autonómico en Vigo, A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, Arteixo, Vilagarcía de Arousa e en Marín.
Por outra banda, no 2026 destinaranse 16,4 M€ ás actuacións directas en materia de rehabilitación, nas que se inclúen a conservación do parque publico de vivenda ou as actuacións ao amparo do programa Rexurbe. Ademais, destinaranse 32,4 M€ ás axudas concellos e a particulares.
Ademais, a Xunta reafirmará o compromiso para facilitar a compra de vivenda incrementando a dotación ata os 4,8M€ nas liñas de axudas para compra por parte da mocidade, en centros históricos e para vivenda protexida. E no caso das partidas para axudas ao alugueiro, suman 18,9M€.