A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, deu conta hoxe das actuacións en marcha na cidade
A Xunta planifica máis de 5.000 vivendas na Coruña para 2028
Allegue salienta as 700 vivendas en diferentes zonas da cidade: 104 xa en construción en Xuxán e as máis de 500 protexidas á espera da aprobación da modificación do PXOM, ademais das 58 nos Rosais, 32 en Pedro Fernández e 11 en Porticada; isto unido ás que están en rehabilitación: 7 fogares en 2 inmobles nas rúas San Andrés, xa en obras, e Santa María, ao abeiro do Programa Rexurbe; ás que sumarán máis de 4.300 en Monte Mero
A conselleira subliña o compromiso da Xunta co impulso da vivenda pública na cidade, cun investimento comprometido de 44M€, dos que 34M€ xa están consignados para políticas de vivenda nos Orzamentos do 2026
A titular de Vivenda pon o acento nos 3,2M€ concedidos este 2025 en axudas a promotores e cooperativistas na cidade da Coruña e a súa contorna, tanto na liña destinada a venda como a de alugueiro, e que permitirán a construción de 300 novas vivendas
Salienta as medidas en 2026 para facilitar o acceso á vivenda, como o cambio normativo para que nos solos dotacionais sen uso se poida construír nova vivenda protexida e aloxamentos compartidos, e da ampliación da edificabilidade de solos para atraer a promoción de vivenda protexida
- Compartir
A Coruña, 31 de outubro de 2025
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, destacou hoxe na Coruña que o Goberno galego planifica máis de 5.000 novas vivendas na cidade para o ano 2028. María M. Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, precisou, que desas 5.000, a Xunta vai promover 700 vivendas en Xuxán e noutros puntos da cidade, ás que se sumarán 4.300 vivendas, que se construirán tamén por parte de promotores e cooperativistas, no ámbito no que a Xunta está a desenvolver solo en Monte Mero, das que un 80% terán algún tipo de protección.
A Xunta está xa a construír 104 novos fogares en Xuxán e ten en previsión máis de 500 vivendas protexidas á espera da aprobación da modificación do PXOM. Por outra banda, avanza na redacción de proxecto de: 58 nos Rosais, 32 en Pedro Fernández e 11 en Porticada. Allegue salientou que tamén están en rehabilitación 7 fogares en 2 inmobles nas rúas San Andrés, xa en obras, e Santa María, ao abeiro do Programa Rexurbe.
Orzamento comprometido para Coruña
A responsable autonómica destacou que a Xunta está a traballar sen descanso e “os resultados poden verse na fotografía da nova vivenda pública na cidade que hoxe presentamos e que é froito de moito esforzo”, apuntou.
A conselleira subliñou así o compromiso da Xunta co impulso da vivenda pública na cidade, cun investimento comprometido de 44M€, dos que 34M€ xa están consignados para políticas de vivenda nos Orzamentos do 2026.
Técnicas industrializadas
Allegue detallou que nunha das vivendas en obras en Xuxán, para 40 vivendas, estanse a usar técnicas industrializadas o que permite aliviar a falta de man de obra, dar un pulo á dixitalización dos procesos e cumprir cos estándares de calidade minimizando o impacto ambiental.
Por outra banda, M. Allegue destacou que neste 2025 concedéronse na Coruña e na súa área 3,2M€ en achegas a promotores e cooperativistas para a construción de 300 vivendas protexidas. En concreto, 2,8M€ para 4 promocións na liña de compravenda, dotada con fondos propios de Xunta e unha achega de 381.000€. Puxo en valor a boa acollida da axuda destinada a novos inmobles protexidos para venda, para a que se esgotaron os fondos, e destacou que é unha partida que o Goberno galego pediu en numerosas ocasións que se contemple no novo Plan Estatal, que só inclúe orzamento para a de alugueiro, que “claramente xera un menor interese no sector”.
Novas medidas para o 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas incidiu, ademais, nalgunhas das medidas que a Xunta porá en marcha no 2026 a prol da vivenda; como a compra pública de baixos comerciais en desuso para convertelos en vivenda, cun programa piloto que comezará na cidade de Ourense.
Referiuse, tamén, á ampliación da edificabilidade en solos urbanizables e á modificación normativa que permitirá construír vivenda protexida en solos dotaciones que estean en desuso, tanto públicos coma privados, e destacou, entre outros, que os concellos poderán empregar a figura dos PIA para axilizar o desenvolvemento de solo residencial.