A Xunta adxudica por máis de 12,2 M€ a redacción de proxectos e construción mediante técnicas industrializadas de dous bloques de 57 vivendas de promoción pública en Navia, en Vigo
Executaranse dous edificios de 38 e 19 vivendas de promoción pública neste barrio da cidade
Ao investimento na execución desta promoción de vivendas engádense os 2M€ de fondos autonómicos destinados á adquisición dos terreos, superando o financiamento da Xunta o 79,6 % do total da construción das novas vivendas
Un total de 755 vivendas de promoción pública xa se atopan en diversas fases de desenvolvemento en San Paio de Navia
- Compartir
Santiago de Compostela 10 de febreiro de 2024
A Xunta vén de adxudicar a redacción dos proxectos e construción mediante técnicas industrializadas de dous bloques de 57 vivendas de promoción pública en Navia, no concello de Vigo, cun investimento total de 12.232.897,65 euros; e un prazo de execución de dezaoito meses e medio.
As vivendas adxudicadas sitúanse nas parcelas M-IVA-3 3 M-IVA-6 do polígono 1 de San Paio de Navia.
Na parcela M-IVA-3 construirase un grupo de 19 vivendas de promoción pública, sendo adxudicado o contrato á empresa Citanias Obras y Servicios S.L., por importe de 4.222.231,92 euros.
Polo que respecta á M-IVA-6, o contrato adxudicada á empresa Construcciones Ramírez S.L., serán 38 as vivendas de promoción pública que se constrúan por un importe de 8.010.665,73 euros.
Do investimento total de máis de 12,2 M€, a Xunta achega o 76,36% e o resto corresponde a fondos europeos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia. A este investimento hai que sumar os preto de 2M€ de custe das dúas parcelas, que financia ao 100% a Xunta, de maneira que os fondos autonómicos supoñen preto do 79,6 % do custe total das vivendas.
Ambas adxudicacións comprenden a redacción do proxecto e a construción das vivendas. As empresas adxudicatarias dispoñen dun prazo de 3,5 meses para a redacción do proxecto e de 15 meses para a construción das vivendas.
Actualmente a Xunta ten adxudicada, por máis de 43 M€, a construción de 220 vivendas de promoción pública en San Paio de Navia, ás que se unen outras 96 vivendas cuxas obras xa foron licitadas e están en proceso de adxudicación por importe de máis de 20 M€.
Tamén está licitada a redacción dos proxectos de 340 vivendas e proximamente licitarase a redacción dos proxectos doutras 99 que xa foron autorizadas polo Consello da Xunta, ata sumar un total de 775 vivendas de promoción pública en diversas fases de desenvolvemento en San Paio de Navia.