A delegada territorial da Xunta en Ferrol visitou esta mañá en Cerdido unha vivenda beneficiaria da convocatoria do ano pasado
Martina Aneiros anima a concellos e particulares a solicitar as axudas da Xunta para a corrección de impactos paisaxísticos a partir do 20 de xaneiro
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático convoca por quinto ano estas ordes de subvencións que contan cun orzamento de dous millóns de euros
As entidades locais de menos de 20.000 habitantes optarán a incentivos de ata 40.000 euros, mentres que os cidadáns particulares poderán obter como máximo axudas de 3.000 euros
- Compartir
Cerdido (A Coruña), 13 de xaneiro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, anima a concellos e particulares a solicitar a partir do próximo día 20 de xaneiro as axudas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a corrección de impactos paisaxísticos que contan cun orzamento de 2 M€. Así o indicou durante a visita á vivenda dun veciño de Cerdido que resultou beneficiario da convocatoria do pasado ano coa que rehabilitou as fachadas principal e oeste do inmoble.
Aneiros lembrou que, no caso dos apoios a concellos, están dirixidas aos de menos de 20.000 habitantes e contan con dúas liñas de actuación. Na primeira serán subvencionables as obras de renovación e finalización exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramentos de inmobles municipais, e na segunda as de mellora do aspecto de conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros, palcos de música, hórreos e outro tipo de equipamentos públicos.
A orde de axudas a concellos está dotada dun millón de euros e o importe máximo das subvencións será de 20.000 euros por liña, de forma que cada entidade local beneficiaria poderá optar como máximo a 40.000 euros.
No que respecta ás axudas a particulares, poderán destinarse a actuacións en fachadas, cubertas e muros de peche. Esta orde conta cun millón de euros de orzamento e os cidadáns que resulten beneficiarios poderán recibir unha achega de ata 3.000 euros.
A delegada territorial lembrou que ambos os dous casos os apoios autonómicos cubrirán o 70% do investimento total subvencionable polo que na práctica se mobilizarán preto de 2,9 M€ grazas á concesión destes incentivos.
Aneiros lembrou a importancia de apoiar tanto aos concellos como aos veciños neste tipo de actuacións de conservación e destacou a aposta decidida do Goberno galego por seguir fomentando o fermosismo e a protección da paisaxe en toda a comunidade autónoma con axudas como estas que acadan a súa quinta convocatoria.