O delegado territorial da Xunta en Lugo entregoulle esta mañá as chaves aos arrendatarios
A Xunta adxudica unha vivenda de promoción pública en réxime de aluguer en Ribadavia
O delegado territorial explicou que as persoas beneficiarias xa se poden instalar na vivenda e resaltou que estas actuacións son unha mostra máis do esforzo do Goberno galego para facilitar o acceso a unha vivenda aos cidadáns
Manuel Pardo lembrou que as persoas adxudicatarias pagarán unha renda mensual en función dos seus ingresos
Manuel Pardo subliñou que a Xunta habilita varios programas e medidas para atender as demandas de vivenda e recorda a posibilidade de inscribirse no rexistro oficial de demandantes de vivenda en calquera momento do ano
- Compartir
Ourense, 13 de novembro de 2024
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, entregou esta mañá as chaves dunha vivenda, en réxime de alugueiro, no Casco Histórico do concello de Ribadavia.
O delegado territorial explicou que se trata dun inmoble emprazado na rúa Salgado Moscoso, que forma parte dunha promoción de vivendas, construídas pola Xunta. Ten unha superficie 100,93 metros cadrados distribuídos en tres plantas; na planta primeira sitúanse dous dormitorios e un baño, na planta segunda a cociña e o salón-comedor, e na planta terceira o dormitorio principal cunha dobre altura cara o comedor da planta inferior e un segundo baño.
A vivenda vai dotada dun sistema de calefacción alimentado por unha caldeira de biomasa e radiadores no interior mentres que os tres dormitorios contan con armarios encaixados.
A vivenda foi adxudicada en réxime de alugamento, polo que os seus inquilinos pagarán unha renda mensual en función dos ingresos da persoa adxudicataria.
Manuel Pardo salientou que as persoas beneficiarias xa se poden instalar na vivenda e resaltou que estas actuacións son unha mostra máis do esforzo do Goberno galego para facilitar o acceso a unha vivenda aos cidadáns.
Unha das condicións que deben cumprir os beneficiarios é estar inscrito no Rexistro único de demandantes de vivenda, un trámite que se pode realizar en calquera momento do ano. A inscrición pode efectuarse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/portada, procedemento VI428C, inscrición no RUDEVI. Tamén pode solicitarse información nas propias oficinas do IGVS. As solicitudes poden presentarse opcionalmente por medios electrónicos ou de xeito presencial a través de cita previa.
De feito, a maiores das vivendas de promoción pública, a Xunta habilita varias medidas e programas de carácter social encamiñadas a atender a demanda de vivenda.