Programa do bono de alugueiro social (VI482F)
Este programa de axudas ten como obxecto facilitar o acceso á vivenda en alugueiro ás vítimas de violencia de xénero, persoas obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual, persoas sen fogar e outras persoas especialmente vulnerables
As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras contidas Resolución do 1 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do bono de alugueiro social e se procede á súa convocatoria continuada e permanente ata o esgotamento do crédito (código de procedemento VI482F).
- Compartir
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias deste programa as unidades de convivencia enumeradas no artigo 5 das bases reguladoras citadas, sempre que cumpran os requisitos previstos no artigo 6 das devanditas bases reguladoras.
Os ingresos non poderán superar 1,5 veces o Iprem, ponderados segundo o número de persoas que compoñen a unidade familiar cos coeficientes indicados no artígo 7 das bases.
Renda da vivenda
A renda mensual da vivenda alugada non poderá superar a contía establecida para o concello no que se emprace. Ditas rendas son de 550, 500 ou 425 euros, segundo o listado de concellos incluído no artigo 8 das bases.
Contía da axuda
O importe mensual da axuda poderá chegar ata o 100 % da renda do contrato de arrendamento, sempre que non supere a renda das vivendas previstas no ordinal anterior.
O importe mensual da axuda non poderá ser superior á renda da vivenda.
Ademais, poderáselle conceder á persoa beneficiaria unha axuda complementaria, ben para o suposto da inmediata formalización dun contrato de alugueiro, para os efectos de atender as obrigas derivadas da constitución de fianza e da alta en subministracións, ben para o caso de permanecer na vivenda obxecto do procedemento xudicial de desafiuzamento, para os efectos de atender cantidades pendentes derivadas do contrato de arrendamento que motivou o devandito procedemento. O importe desta axuda non poderá superar os 600 euros.
Duración da axuda
A axuda concederase por un período de 12 meses susceptible de catro prórrogas ordinarias sucesivas, de doce meses cada unha, ata acadar unha duración máxima de cinco anos, e sempre que subsistan as condicións de necesidade que deron lugar á concesión inicial, así como que se acredite o límite de ingresos previstos no ordinal sétimo e exista dispoñibilidade orzamentaria.
En todo caso, as axudas concedidas, tanto en concesións iniciais como en sucesivas prórrogas, non se poderán estender máis aló do 31 de decembro de 2026.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes remata o día 30 de novembro de 2026 e, en todo caso, ata o esgotamento da dotación orzamentaria ou das súas ampliacións, que se farán constar no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
Documentos relacionados
Ligazóns relacionados
- Concesión directa axuda complementaria 2020. Bono alugueiro social
- Concesión directa axuda complementaria 2020. Bono alugueiro social vvx
- Sede electrónica: Procedemento VI482A. Bono alugueiro social
- Sede electrónica: Procedemento VI482B. Prórroga do Bono alugueiro social
- Información de interese para a presentación da solicitude por sede electrónica. Chave 365