EDIFICACIÓN E CALIDADE
Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2023
A Xunta de Galicia premiará aos mellores proxectos arquitectónicos de edificacións realizados nos últimos anos nos eidos da arquitectura e a rehabilitación a través dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia. Tamén se galardoará a traxectoria profesional nas categorías de arquitecto/a e aparellador/a ou arquitecto/a técnico/a.
- Compartir
A importancia destes premios queda patente ao estar incluídos expresamente no eixe 1 da liña estratéxica D do Pacto de vivenda de Galicia 2021-2025, asinado o 20 de xaneiro de 2021 polos representantes das entidades integrantes do pleno do Observatorio da vivenda de Galicia, documento que recolle as liñas de actuación pública nesta materia, constituíndo o instrumento fundamental da planificación das políticas públicas na Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2025.
Nesta edición, a cuarta, estes premios supoñen o recoñecemento á calidade das edificacións rematadas nos anos 2020, 2021 e 2022, tanto de obra nova como de rehabilitación. Cabe destacar, así mesmo, os dous premios especiais: o de sustentabilidade e á traxectoria profesional; o primeiro busca destacar a implementación dunha arquitectura responsable e comprometida co ambiente, en consonancia cos programas desenvolvidos pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en especial a Estratexia Galega de cambio climático e Enerxía 2050, as Directrices de Ordenación do Territorio e a Estratexia da Paisaxe galega. O premio á traxectoria profesional pretende ser un recoñecemento da especial contribución á arquitectura no territorio galego por parte das persoas arquitectas, aparelladoras e arquitectas técnicas.
Os premios, que convoca o Instituto Galego da Vivenda e Solo cun valor total de 30.000 euros, teñen as seguintes modalidades e dotacións:
- Premio galego de arquitectura. Outorgarase entre os proxectos de nova planta relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou obras de ampliación dunha xa existente, sempre que teña suficiente entidade como para poder ser valorada de forma independente da construción orixinal. Dotación económica: 6.000 €
- Premio galego de rehabilitación. Destinado a galardoar os proxectos de rehabilitacións relativos a intervencións de recuperación e adecuación do parque edificado existente. Dotación económica: 6.000 €
- Mencións. Entre as actuacións que non obtivesen premio poderán destacarse con mención aquelas que o xurado aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.
Premios Especiais. O xurado poderá outorgar premios nas categorías especiais que se indican a continuación:
- a) Á sustentabilidade. Destinado a destacar aquela actuación que supoña a implantación dunha arquitectura responsable co medioambiente, os recursos e as xeracións futuras. Dotación económica: 6.000 €
- b) Á traxectoria profesional. Recoñecemento á meritoria traxectoria profesional a favor da arquitectura, no territorio galego nas categorías de arquitecto/a e aparellador/a ou arquitecto/a técnico/a. Dotación económica: 6.000 € para cada unha das categorías.
Poderán optar a estes premios, agás o especial á traxectoria profesional 2023, os proxectos arquitectónicos de edificacións finalizadas na Comunidade Autónoma de Galicia entre o día 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de decembro de 2022. No caso do premio á traxectoria profesional non se establece ningún tipo de límite temporal.
A presentación das candidaturas será realizada por parte dalgunha das institucións que formarán parte do xurado, que estará presidido pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e composto por representantes do Instituto Galego da Vivenda e Solo; Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades; Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario; Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña; Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña; Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos; Federación Galega da Construción e Federación de Promotores de Edificación y Suelo de Galicia.
A presentación poderán realizala dende o primeiro día hábil seguinte ao de publicación desta resolución no DOG e ata o 31 de marzo de 2023.
Caixa de suxestións:
O IGVS pon a disposición do público en xeral una caixa de suxestións na aplicación premiosarquitectura.xunta.gal. á que poden remitirse suxestións para que o organismo, como entidade do xurado, poda telas en conta para facer a proposta prevista nas bases para os premios galegos de arquitectura, de rehabilitación e ao especial á sustentabilidade.
Na caixa de suxestións indicarase a modalidade do premio para a que se presenta a suxestión, a localización da obra, a descrición do proxecto, a data de terminación da obra e os datos identificativos da persoa autora do proxecto (nome/razón social e enderezo).
Deberá achegarse a documentación prevista nas bases:
- Imaxes: Un máximo de 12 arquivos, que poderán conter fotografías, planos, diagramas, etc., en formato .jpg, relativos ao correspondente proxecto.
- Memoria descritiva e xustificativa do proxecto.
- Lámina-resumo, en formato horizontal DIN-A3, do proxecto proposto.
- Opcionalmente, poderá achegarse un vídeo de duración máxima de 3 minutos, sobre o proxecto proposto.
- Para o premio especial á sustentabilidade deberán incluír, ademais, unha memoria xustificativa das estratexias de sustentabilidade aplicadas, así como dos resultados obtidos.
- Co obxecto de permitir a identificación das distintas persoas que participaron nos proxectos, no proceso de presentación de candidaturas de cada proxecto deberá quedar constancia do nome, teléfono e correo electrónico de cada unha das persoas intervenientes neles.