Solo
Solo residencial
- Compartir
Enténdese por solo residencial o destinado a uso habitacional, é dicir, ao aloxamento ou residencia das persoas, polo que a súa finalidade principal é a construción de vivenda.
O solo residencial pode clasificarse como urbano ou urbanizable. O solo residencial urbano sitúase dentro dun área que conta con infraestrutura viaria e servizos básicos, como auga, saneamento, electricidade, vías de acceso, gas, telecomunicacións, alumeado público... O urbano consolidado ou solo finalista foi obxecto de urbanización, polo que adquiriu a condición de solar ou podería adquirila mediante pequenas obras accesorias ou simultáneas á edificación. O solo urbanizable, aínda que non conta cos servizos e infraestruturas necesarias para edificar vivenda, recóllese nos plans urbanísticos para desenvolver nun futuro próximo de xeito que, logo de realizar as oportunas intervencións urbanísticas, poda transformarse en solo urbano.
A actual escaseza de solo finalista nas grandes áreas urbanas de Galicia esixe que as actuacións públicas se dirixan a obtención de solo residencial mediante diversas programacións, ben a través da adquisición de solo urbano consolidado, ben a través do desenvolvemento de solo urbanizable coa finalidade de xerar parcelas adecuadas para promover e construír vivenda protexida.
Neste contexto enmárcase as actuacións do IGVS na área de Solo Residencial para ampliar a oferta de vivenda na nosa comunidade autónoma e facilitar o acceso a mocidade e outros colectivos. Mediante a colaboración público-privada xunto aos compromisos de duplicar o parque residencial público ata o ano 2028 e desenvolver a primeira fase da Estratexia Galega de Solo Residencial, aprobada no Consello da Xunta do 10 de xuño de 2024, a Dirección Técnica de Solo Residencial aborda a planificación, a adquisición de solo, a redacción de proxectos para a súa transformación, así como a consecución de acordos cos concellos co obxectivo de que aumente a vivenda protexida na nosa comunidade para satisfacer as necesidades actuais da cidadanía.