EDIFICACIÓN E CALIDADE
Rexistro de avaliación de edificios
- Compartir
O pasado 20 de abril publicouse no DOG o Decreto 61/2021, de 8 de abril, polo que se regula o informe de avaliación dos edificios e se crea o rexistro galego de informes de avaliación dos edificios, que entra en vigor o 20 de maio. O informe de avaliación é un documento que acredita o estado de conservación do edificio, avalía a súa accesibilidade universal e informa sobre a súa eficiencia enerxética.
De acordo con este decreto as comunidades de propietarios ou as persoas propietarias de edificios de uso residencial de vivenda colectiva cunha antigüidade de 50 anos, teñen un ano para presentar o informe de avaliación no concello correspondente.
O concello, mediante normativa municipal, poderá ampliar a obriga de realización de este informe a edificios de usos diferentes ao residencial ou edificios cunha antigüidade menor, así como establecer un contido maior do IAE. Ademais, como órgano competente, deberá realizar a inscrición dos informes presentados, no rexistro galego de informes de avaliación dos edificios.
O IGVS elaborou unha ferramenta informática, REGIAE, para que os concellos poidan inscribir no rexistro os informes presentados. Esta ferramenta disporá dun módulo de explotación de datos para a xeración de informes e/ou listaxes e tamén incluirá un sistema de alertas relacionadas coas medidas de seguridade inmediatas ou actuacións necesarias para o interese dos concellos.
Para o acceso a REGIAE cada Concello deberá indicar os datos da persoa que será o usuario administrador para activar o acceso privado desta aplicación. Esa persoa, usuaria administradora, será única por concello e unha vez dada de alta, poderá rexistrar na aplicación ao resto das usuarias (perfís técnicos e administrativos).
Os datos que nos deben comunicar ao correo calidade.igvs@xunta.gal son:
- Nome
- Apelido1
- Apelido 2
- Correo electrónico
- Provincia e Concello
- Teléfono (opcional)
- Móbil (opcional)
- Fax (opcional)
* Para darse de alta nesta aplicación as persoas teñen que ter usuario de Eido Local