A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o delegado da Xunta na Coruña e o director do IGVS estiveron hoxe en Noia no marco do foro #ConstruíndoFogar
A Xunta avanza que a partir deste venres xa se poderán pedir as axudas de 250 € do bono alugueiro mocidade
Ángeles Vázquez salienta que estas subvencións, cun orzamento de 22,8 M€ para este ano e o que vén, beneficiarán como mínimo a ao redor de 3.800 mozos galegos
Subliña o esforzo do Goberno galego por apoiar no pago do alugueiro a aqueles cidadáns e colectivos con máis dificultades á hora de manter a súa vivenda habitual
Neste sentido, a responsable autonómica anuncia que no mes de xullo está previsto convocar o bono de alugueiro social, co que a Xunta seguirá asumindo o 100% do custo do arrendamento de familias e persoas en situación de vulnerabilidade
A Xunta publicará tamén este ano por un orzamento de, como mínimo, 1,5 M€, unha liña de incentivos dirixida a mozos para comprar vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, da que se poderán beneficiar 7 municipios desta zona coruñesa
- Compartir
Noia (A Coruña), 27 de xuño de 2022
A Xunta de Galicia abrirá a partir deste venres, 1 de xullo, o prazo para poder solicitar as axudas de 250 euros ao mes do Bono de alugueiro mocidade, un programa que se convoca este ano por primeira vez e está dirixido a facilitar ao colectivo de entre 18 e 35 anos o pago da renda da súa vivenda habitual.
Tras enmarcar esta nova medida, coa que se espera chegar a ao redor de 3.800 mozos galegos, no esforzo da Xunta por apoiar no pago da súa renda de alugueiro a determinados cidadáns, Ángeles Vázquez subliñou que no mes de xullo tamén se convocará o bono de alugueiro social, un programa dirixido aos colectivos máis vulnerables da Comunidade e grazas ao cal o Goberno galego seguirá asumindo o 100% do custo do arrendamento das persoas beneficiarias.
Bo ritmo de solicitudes
Así mesmo, a conselleira incidiu na aposta realizada pola Xunta nos últimos anos en materia de rehabilitación de vivendas, outro dos apartados nos que en 2022 está previsto mobilizar un número importante de axudas directas e incentivos para apoiar a concellos e cidadáns no impulso de actuacións para a recuperación do patrimonio xa construído.
Guía informativa á disposición dos cidadáns
Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez animou aos asistentes a informarse sobre o amplo abano de incentivos á vivenda ao que poderán optar en 2022 e contribuír deste xeito a dinamizar o mercado residencial e a actividade construtiva de Noia e comarca.