A XUNTA DE GALICIA CONSIDERA QUE O MINISTERIO DE VIVENDA INVADE COMPETENCIAS AUTONÓMICAS COA CREACIÓN DUNHA PLATAFORMA PARA O FOMENTO DA REHABILITACIÓN
07/07/2010
- Compartir
- A Xunta non participou na constitución de dita plataforma por carecer de información detallada sobre o seu contido, funcionamento e financiamento.
- Existe o risco de que o Ministerio desvíe a dita plataforma os fondos que debería dedicar ao financiamento das oficinas de rehabilitación xa existentes.
- A rehabilitación é unha prioridade da Xunta de Galicia a través dos programas propios de rehabilitación e dos incluídos no Plan de Vivenda.
- Galicia, con 34, é a comunidade que conta con maior número de oficinas de rehabilitación, que ademais actúan como portelos únicos en materia de vivenda
Santiago, 7 de xullo de 2010.- A Xunta de Galicia non participou hoxe na creación dunha plataforma social para o fomento da rehabilitación, impulsada polo Ministerio de Vivenda, ao carecer de información previa sobre o funcionamento e obxectivos da mesma e considerar que a súa creación pode invadir as competencias autonómicas en materia de vivenda, que corresponden de maneira exclusiva á Comunidade Autónoma.
A devandita plataforma foi impulsada de maneira unilateral por parte do Ministerio de Vivenda, sen que a Xunta de Galicia recibira en ningún momento información detallada sobre os diferentes aspectos da mesma, tales como as actuacións previstas, sistema organizativo ou financiamento. De feito, o Ministerio de Vivenda nin sequera comunicou o contido do documento de creación de dita plataforma ao que deberían manifestar a súa adhesión os colectivos, institucións e axentes sociais participantes, segundo indica a carta pola que se convocaba a reunión de hoxe en Madrid. A Xunta de Galicia non está disposta a “adherirse” a dita plataforma sen coñecer previamente o seu contido.
En realidade, o acto convocado hoxe polo Ministerio de Vivenda parece encadrarse na loita do mesmo para resaltar a súa actividade nun sector no que carece de competencias propias, nun momento en que tódolos rumores falan da posible desaparición de dito Ministerio nunha próxima remodelación do Goberno. As présas do Ministerio para a reunión de hoxe contrastan co pouco interese posto na celebración dunha reunión bilateral, solicitada pola Xunta de Galicia para a sinatura dos convenios de áreas de rehabilitación correspondentes a 2010. A Xunta de Galicia solicitou do Ministerio a celebración de dita bilateral, fixando este a data do 28 de xuño pasado para a celebración dunha reunión preparatoria e Madrid. Dita reunión foi unilateralmente suspendida polo Ministerio de Vivenda poucos días antes da data fixada.
A creación da plataforma non so pode invadir competencias exclusivas da Xunta de Galicia senón que suporá na práctica a duplicidade de funcións xa existentes e a creación dunha administración paralela para levar a cabo esas funcións, duplicando os gastos sen incrementar os resultados.
A rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas é unha realidade en Galicia dende hai décadas, tanto a través de programas incluídos nos sucesivos planes de vivenda como outros financiados exclusivamente con fondos propios da Comunidade Autónoma.
No marco dos programas de rehabilitación destacan especialmente as áreas de rehabilitación, nas que Galicia foi pioneira no ano 1996 e exemplo para o resto de Comunidades Autónomas. Na actualidade Galicia conta con 49 áreas de rehabilitación emprazadas en 34 concellos, ademais da área de rehabilitación do Camiño de Santiago (Camiño Francés). Cada un dos 34 concellos nos que existen áreas de rehabilitación dispoñen dunha oficina de rehabilitación, financiada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Ministerio de Vivenda, que atende ás áreas de rehabilitación situadas no seu concello e ademais actúa como portelos únicos para o resto do concello en materia de axudas para a vivenda. Galic aé na actualidade a Comunidade Autónoma que conta con maior número de oficinas de rehabilitación.
A creación dunha rede de oficinas da plataforma impulsada polo Ministerio de Vivenda pode supoñer a duplicidade das mesmas e, o que sería máis grave, que o Ministerio de Vivenda deixase de financiar as oficinas de rehabilitación existentes, que levan xa moitos anos prestando eficaces servizos nos concellos que as acollen. Dende a Xunta de Galicia considerase máis axeitado potenciar o funcionamento das oficinas de rehabilitación existentes e a creación de novas oficinas en concellos que carecen de elas, antes que duplicar organismos xa existentes.
Ademais das áreas de rehabilitación, Galicia dispón de axudas para a rehabilitación de vivendas no medio rural e en conxuntos históricos financiadas exclusivamente con fondos da Comunidade Autónoma. Tamén son financiadas en exclusiva pola Xunta de Galicia as axudas para rehabilitación que se conceden a comunidades de propietarios de vivendas de promoción pública, así coma os investimento directos do Instituto Galego da Vivenda e Solo na rehabilitación de vivendas de promoción pública e actuación singulares en conxuntos históricos e núcleos rurais, coa adquisición e rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas que posteriormente se califican como de promoción pública. Finalmente, o IGVS xestiona as axudas de rehabilitación do Plan de Vivenda, dirixidas preferentemente a actuacións dirixidas á mellora da eficiencia enerxética das vivendas e edificios de vivendas.
Organización:
Área: Axudas ; Rehabilitación ; Vivenda