A Xunta licita por máis de 472.000€ a redacción do proxecto para construír 58 vivendas públicas nos Rosais, no concello da Coruña
A Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) licita este contrato para estas vivendas, que se construirán nunha das parcelas cedidas polo Concello
O prazo de presentación de ofertas a este contrato é ata o vindeiro 18 de xuño
A Xunta segue avanzando no compromiso de duplicar o parque público nesta lexislatura e acadar así 8.000 vivendas en Galicia, tendo xa en marcha máis de 2.000
- Compartir
Santiago de Compostela, 10 de maio de 2025
A Xunta, a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal), vén de licitar por máis de 472.000€ a redacción do proxecto para construír 58 vivendas de promoción pública nos Rosais, na Coruña.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe esta contratación, que establece un prazo de presentación de ofertas ata o vindeiro 18 de xuño. Os adxudicatarios terán 5 meses para a elaboración dos proxectos.
O obxectivo é construír 58 vivendas protexidas, garaxes e rochos nunha das parcelas cedidas polo Concello. En concreto, trátase da parcela 5D, situada no polígono "Los Rosales"- "Zona Elíptica".
O Goberno galego segue avanzando no compromiso de incrementar o parque público residencial co obxectivo de duplicalo nesta lexislatura e acadar así 8.000 vivendas. Neste sentido, están en marcha máis de 2.000 vivendas nas cidades de Vigo, Pontevedra, A Coruña, Santiago, Ourense, Lugo ou Ferrol.
Ademais o Goberno galego ten en marcha a primeira fase da Estratexia Galega de Solo Residencial, coa que busca, en colaboración cos concellos, facilitar solo destinado á construción de 25.000 vivendas, 20.000 protexidas e 5.000 libres.
No caso da Coruña, a Xunta avanza na adxudicación da redacción do proxecto de Interese Autonómico no ámbito de Monte Mero, onde se prevén 4.310 vivendas, o 80% delas protexidas.