A Xunta recibe 12 ofertas para a rehabilitación de 4 inmobles nos centros históricos de Ourense, Tui e Ribadavia para habilitar 14 vivendas públicas
A Administración autonómica recibiu 3 ofertas para rehabilitar 2 inmobles en Ourense, outras 4 para recuperar un edificio en Tui e 5 ofertas de empresas para acometer a rehabilitación dun inmoble en Ribadavia
O prazo estimado das obras é de 15 meses, polo que a Xunta prevé que as actuacións poidan estar rematadas no vindeiro 2026
No marco do programa Rexurbe, a Administración autonómica ten adquirido un total de 94 inmobles en once concellos, que darán lugar a 167 vivendas públicas
- Compartir
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2025
A Xunta vén de recibir un total de 12 ofertas para a execución das obras de rehabilitación de 4 edificios nos centros históricos de Ourense, Tui e Ribadavia, que permitirán a creación de 14 vivendas públicas ao abeiro do programa Rexurbe.
A través desta iniciativa, a Xunta promove rehabilitacións en centros históricos para logo cualificar as vivendas resultantes como públicas e ofrecelas en alugueiro accesible a persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda.
Máis polo miúdo, a Xunta recibiu 5 ofertas para rehabilitar 1 edificio na praza García Boente en Ribadavia, onde se crearán 5 vivendas. O orzamento de licitación ascende a 1,7M€.
Ademais, recibíronse 4 ofertas para a rehabilitación dun inmoble para crear 3 vivendas na rúa Bispo Castañón de Tui, cun investimento de 1,3M€.
Por outra banda, para a rehabilitación doutros 2 inmobles nas rúas Pelaio e na praza Manuel Sueiro de Ourense, nos que se obterán 6 vivendas, recibíronse 3 ofertas de empresas. O investimento acada 1,9M€.
A Xunta traballa para que estas vivendas poidan ser unha realidade no vindeiro ano 2026, tendo en conta que o prazo estimado de execución de obra é de 15 meses.
Desde a posta en marcha do programa Rexurbe son xa 94 os inmobles adquiridos pola Administración autonómica, cos que se prevé crear 167 vivendas nos concellos de Ourense, Tui, Mondoñedo, Lugo, Ribadavia, Viveiro, A Coruña, Vilalba, Ferrol, Betanzos e Ribadeo.