A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas asistiu hoxe á entrega de premios ‘Gran de Area, de aportación á arquitectura’
A conselleira María M. Allegue destaca o papel dos arquitectos nos obxectivos da Xunta de facilitar o acceso á vivenda e acadar unha Galicia máis vertebrada e sostible
Allegue puxo en valor á arquitectura como sector estratéxico, ao planificar e ordenar o territorio, construír fogares ou protexer o patrimonio
Salientou a colaboración da Xunta co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia a través do ‘Proxecto Terra’, que divulga a importancia do urbanismo; ou tamén no Observatorio da Vivenda de Galicia
Remarcou a vivenda como unha das máximas prioridades nesta lexislatura para a Xunta, que está a construír vivenda pública, desenvolvendo solo residencial ou realizando adaptacións lexislativas e fiscais para incentivar a posta da inmobles no mercado
O Goberno galego, a través do programa Rexurbe, dotado este ano dun orzamento de 7M€, tamén promove rehabilitacións en centros históricos para cualificar as vivendas resultantes como públicas e ofrecelas en alugueiro accesible
- Compartir
Tui (Pontevedra), 25 de xaneiro de 2025
A conselleira María M. Allegue destaca o papel dos arquitectos nos obxectivos da Xunta de facilitar o acceso á vivenda e acadar unha Galicia máis vertebrada e sostible.
A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas asistiu hoxe á entrega de premios ‘Gran de Area, de aportación á arquitectura’, convocados polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).
Trasladou, en nome do presidente da Xunta, os parabéns aos doce premiados, polos seus traballos polivalentes, que deron como froito dende vivendas ou oficinas ata rúas humanizadas ou unha área de recepción dun Ben de Interese Cultural.
Salientou que son proxectos que se caracterizan polo respecto ao territorio, a innovación nos deseños e no emprego dos materiais, a eficiencia enerxética ou a sostibilidade.
Puxo en valor á arquitectura como sector estratéxico na comunidade, tanto para o desenvolvemento económico como para a garantía do benestar social. Remarcou que os arquitectos planifican e ordenan o territorio, constrúen fogares ou protexen o patrimonio.
Lembrou que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas traballa da man deste colectivo, dialogando para levar adiante proxectos ao servizo dos galegos.
Recordou a colaboración co COAG a través do ‘Proxecto Terra’, que divulga a importancia do urbanismo e promove un uso sostible dos espazos habitados; ou tamén no Observatorio da Vivenda de Galicia.
Subliñou a vivenda como unha das máximas prioridades da Xunta nesta lexislatura. Neste sentido, sinalou que se está a traballar arreo na construción de vivenda pública, no desenvolvemento de solo residencial ou nas adaptacións lexislativas e fiscais para incentivar a posta da inmobles no mercado.
Paralelamente á construción de vivenda, apuntou o impulso da rehabilitación, pois o Goberno galego, a través do programa Rexurbe, dotado este ano dun orzamento de 7M€, promove rehabilitacións en centros históricos para cualificar as vivendas resultantes como públicas e ofrecelas en alugueiro accesible.
Cómpre lembrar que a Xunta licitou este mes as obras de rehabilitación de 8 edificios nos centros históricos de vilas como esta de Tui, ou en Ourense, Ribadavia, A Coruña e Viveiro.