A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, M. Allegue presidiu hoxe, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, a reunión do Observatorio da Vivenda de Galicia
O Observatorio de Vivenda de Galicia acorda a creación da comisión que impulsará a construción de vivendas con técnicas industrializadas e co emprego da madeira
Na primeira reunión do ano deste órgano creáronse tres seccións de carácter técnico, social e de financiamento e intermediación
Iniciase tamén a elaboración do novo Pacto de Vivenda para o período 2026-2030
- Compartir
Santiago de Compostela 17 de xaneiro de 2024
O Observatorio da Vivenda de Galicia conta xa con tres seccións nas que se abordarán temas de carácter técnico, social e de financiamento e intermediación inmobiliaria. As tres seccións foron constituídas na primeira reunión do ano deste órgano, que tivo lugar no día de hoxe na sede do Instituto Galego da Vivenda e Solo, presidida pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue.
A sección técnica encargarase de elaborar un plan de acción para impulsar a construción de vivendas con técnicas industrializadas e co emprego da madeira.
A sección social encargarase de debater as posibles melloras do Bono de Alugueiro Social, que facilita o acceso á vivenda a colectivos desfavorecidos, con axudas do cen por cento do custe do alugueiro
Finalmente, a sección de financiamento e intermediación inmobiliaria traballará na mellora do programa de mobilización de vivendas para alugueiro co obxectivo de sacar ao mercado vivenda baleira a prezo accesible.
A reunión tamén serviu para expoñer aos asistentes as principais liñas do orzamento deste organismo para 2025.
Finalmente, constituíuse o grupo de traballo que traballará na elaboración do segundo Pacto de Vivenda, para o período 2026-2030, xa que o actual Pacto de Vivenda corresponde ao período 2021-2025.