A Xunta adxudica por 355.000 euros a redacción do proxecto do inmoble de aloxamentos compartidos e temporais para a mocidade en Vigo
O inmoble, que albergará 80 aloxamentos, é unha das medidas da Xunta para garantir que a mocidade poida comezar a súa vida adulta nun fogar digno, de calidade e a prezos accesibles ás súas posibilidades
O inmoble disporá ademais con espazos compartidos, como sala para estudio ou traballo, zona de usos múltiples, lavandería e garaxes
- Compartir
Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de adxudicar por un importe de 355.561 euros a redacción do proxecto e da dirección de obra para a construción en Vigo dun edificio de aloxamentos compartidos e temporais en alugueiro accesible, destinado á mozos e mozas menores de 36 anos.
O inmoble, que albergará 80 aloxamentos, situarase na parcela M-V-6 de San Paio de Navia, contará ademais con espazos compartidos, como sala para estudio ou teletraballo e zona de usos múltiples para reunións ou actividades diversas como ximnasio ou a celebración de eventos. Tamén estará dotado dun espazo de lavandería e garaxes.
Os mozos e mozas menores de 36 anos disporán dun prazo de permanencia de ata tres anos. O Goberno galego busca con estes aloxamentos dar facilidades ás necesidades de emancipación da xente moza que accede ao seu primeiro traballo ou están a percibir becas de formación ou de investigación
Este inmoble de aloxamentos compartidos é o terceiro que a Xunta impulsa en Galicia, como solución habitacional transitoria para mozos e mozas. Neste momento está xa adxudicado por 251.000€ o proxecto e dirección e obra en Santiago, en Xoán XXIII, que disporá de 60 prazas. Ademais, está pendente de adxudicación o contrato de redacción do proxecto para habilitar 50 aloxamentos compartidos en Lugo, por importe de preto de 305.000€.