A Xunta publica no DOG a declaración de Baiona como novena Área Rexurbe, co obxectivo de dinamizar o seu conxunto histórico artístico e a súa contorna
O ámbito abrangue unha superficie de 160.000 m2, onde están localizados 456 edificios, 797 vivendas e 241 locais comerciais
Tras a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia, o seguinte paso é a aprobación do plan de dinamización, que ten que elaborar o Concello para coordinar as actuacións públicas e privadas destinadas á rexeneración destes ámbitos
O obxectivo principal é manter e mellorar as dinámicas e servizos do conxunto histórico do municipio como espazo central, fomentando a heteroxeneidade de usos
Con esta declaración da Área Rexurbe xa son 9 os conxuntos históricos con esta figura: Mondoñedo, A Coruña, Ribadavia, Tui, Ribadeo, Ferrol, Betanzos e Monforte de Lemos
- Compartir
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2024
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe o acordo do Consello da Xunta do pasado día 2 de decembro, da declaración da novena área de rexeneración urbana de interese autonómico de Galicia, coñecida como Área Rexurbe, co obxectivo de dinamizar e revitalizar o seu conxunto histórico artístico e a súa contorna.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) recolle a delimitación aprobada, que abrangue unha superficie de 160.000 m2, con 456 edificios, 797 vivendas e 241 locais comerciais, e que é coincidente coa área continua do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico referente da vila do municipio pontevedrés.
O obxectivo desta declaración por parte da Xunta é facilitar a mellora das condicións de vida dos veciños de Baiona e contribuirá á posta en valor do seu conxunto histórico artístico o que repercute en toda Galicia pola importancia de manter o seu patrimonio edificado con especial protección aos declarados Ben de Interese Cultural (BIC).
A Área Rexurbe é unha figura creada ao abeiro da Lei de rehabilitación de Galicia en que, ademais da recuperación edificatoria e urbanística, tamén se inclúen medidas de dinamización social, demográfica e económica, polo que a súa aplicación é transversal e implica distintos departamentos administrativos.
As medidas que se van adoptar deberán estar recollidas no plan de dinamización, que redactará o Concello, onde tamén se indicará o custo estimado das actuacións e as fontes de financiamento para levalas a cabo. Para ese fin, conta cun modelo elaborado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, segundo o establecido na devandita lei.
Con todo, na proposta pola cal se declara a Área Rexurbe xa se recolle como meta principal manter e mellorar as dinámicas e servizos do conxunto histórico como espazo central, fomentando a heteroxeneidade de usos.
Para iso, inclúense ademais, como obxectivos secundarios: fomentar a rehabilitación e rexeneración, con especial énfase nos inmobles en ruínas, procurando mellorar a accesibilidade; a aposta pola mobilidade peonil, contribuíndo á mellorar o espazo público, renovando as instalacións de cara a xerar un núcleo atractivo e competente para a residencia e heteroxenidade de usos; e o impulso da actividade económica destinada á poboación residente en convivencia coa turística, evitando a dependencia de mercados únicos.
En concreto, propiciarase co apoio do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, pendente de aprobación, reordenar os fluxos existentes no ámbito, revitalizando o espazos de lecer e comerciais, reforzando o acceso ao estacionamento para os residentes e analizando solucións que poidan paliar a falta de accesibilidade.
Proponse desenvolver programas específicos de mobilización de vivenda baleira, intentando aumentar a porcentaxe de vivenda principal e apoiar a rehabilitación para alugueiro de continuidade de longa duración.
Tamén e levará a cabo o soterramento do cableado aéreo en todo o conxunto, xunto coa instalación de fibra óptica; e incidirase especialmente na iluminación, eliminación de pintadas non artísticas, renovación de mobiliario urbano e estudo de conxunto dos espazos de estacionamento dispoñibles para os residentes.
No ámbito económico fomentarase a introdución de novas tipoloxías empresariais nos locais comerciais baleiros existentes no conxunto. Isto deberá verse completado con melloras nos servizos, principalmente con respecto as infraestruturas de telecomunicacións (fibra óptica e locais comerciais sen acceso a internet).
Ademais, levaranse a cabo actuacións encamiñadas a dotar de mais dinamismo comercial as rúas que comprende o tramo do Camiño de Santiago portugués que transcorre polo conxunto histórico-artístico.
No ámbito social impulsaranse as Iniciativas culturais e de lecer vencelladas á xente maior, así como programas de convivencia interxeracional, fundamentais neste ámbito. Tamén se propón a realización de actividades de lecer encamiñadas á poboación máis nova e/ou adolescente e facilitar a conciliación das nais e pais.
Cómpre lembrar que en Baiona declarouse a Área de Rehabilitación Integral (ARI) no ámbito da vila de Baiona o 18 de febreiro de 2011.
A Área Rexurbe de Baiona declarada hoxe polo Executivo autonómico é a novena da Comunidade, xa que se suma á lista das recoñecidas nestes últimos anos en Mondoñedo, A Coruña, Ribadavia, Tui, Ribadeo, Ferrol, Betanzos e Monforte de Lemos.
A solicitude de declaración dunha área de rexeneración urbana de interese autonómico de Galicia preséntase polo Concello cunha proposta que delimitará o ámbito e comprenderá, de xeito detallado, a estratexia social, económica, urbanística e arquitectónica que se pretende levar a cabo para conseguir a efectiva recuperación e dinamización do ámbito.