Programa de axudas ao alugamento de vivendas (VI483A e VI483B)
PROGRAMA DE AXUDAS AO ALUGAMENTO DE VIVENDAS DO PLAN ESTATAL PARA O ACCESO Á VIVENDA 2022-2025
- Compartir
A Resolución do 29 de novembro de 2022 ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión inicial (código de procedemento VI483A) e a renovación (código de procedemento VI483B) das subvencións do Programa de axudas ao alugueiro de vivenda, de conformidade do Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o bono alugueiro á mocidade e o Plan estatal para o acceso a vivenda 2022-2025, para facilitar o goce dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias.
Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2023, con carácter plurianual.
A concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Persoas beneficiarias
Persoas físicas maiores de idade que residan nunha vivenda en réxime de alugueiro e que reúnan todos e cada un dos requisitos que se establecen no ordinal sexto das bases reguladoras destas subvencións (Resolución do 29 de novembro de 2022 publicada no DOG núm. 236 do 14/12/2022).
Contía das axudas
Concederase ás persoas beneficiarias unha axuda do 50% da renda que deban satisfacer polo alugueiro da súa vivenda habitual e permanente.
A contía da axuda recoñecida na resolución de concesión determinarase en función da renda establecida no contrato, sen que en ningún caso o seu importe poida ser incrementado, aínda que a citada renda aumente ao longo da duración do contrato.
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 2 de xaneiro de 2023 e terminará o día 5 de maio de 2023 e, en todo caso, ao esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria.