Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » O IGVS » Premios Arquitectura » Galardoados

Galardoados

RESOLUCIÓN DO XURADO DOS PREMIOS DE ARQUITECTURA E REHABILITACIÓN DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA

O x urado dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2016, tras as súas xuntanzas de data 1 e 28 de xullo de 2016, de conformidade co establecido na base primeira da  Orde do 11 de abril de 2016 pola que se convocan os Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2016, acordou por unanimidade dos seus membros, conceder os seguintes premios:

PREMIO DE ARQUITECTURA

Casa Chao , en Corcubión (A Coruña). Arquitectos: Juan Creus e Covadonga Carrasco

PREMIO DE REHABILITACIÓN

Catro edificios da sede do Rexistro da Propiedade de Vigo , na Rúa real, Vigo. Arquitectos: Jesús Irisarri Castro e Guadalupe Piñera Manso

PREMIO Á  SUSTENTABILIDADE

Campig Illa de Ons , na Illa de Ons. Arquitectos: Juan Zaballa Malcorra e Daniel Guisande Lago

PREMIO ESPECIAL Á TRAXECTORIA PROFESIONAL

Andrés Fernández-Albalat Lois

 

MENCIÓNS DO XURADO

ARQUITECTURA

Vivenda sobre o Miño en urbanización Pazo de Ramirás, en Ourense. Arquitecto: Manuel Jorreto Díaz

Pavillón de celebracións do Pazo de Cea, en Nigrán (Pontevedra). Arquitectos: Martín de Cominges Carvallo. e José Javier Villacé Rodríguez

Centro social de Oleiros, en Ribeira. Arquitecto: Carlos Seoane

Centro de actividades mariñeiras e cabanas do Barranco, en Ousesende, Outes (A Coruña). Arquitecto: Francisco Liñares Tuñez, Alfonso Salgado Suárez

Centro docente asistencial Down Coruña, en Pedralonga, A Coruña. Arquitectos: Emilio Rodríguez Blanco e José Luis Martínez Raído

REHABILITACIÓN

Rehabilitación de vivenda na rúa Bonaval 6, en Santiago de Compostela. Arquitecto: Jesús Conde García e Casa do Medio, en Santiago de Compostela. Arquitectos: Óscar Andrés Quintela e Juan Andrés Quintela

Rehabilitación de vivendas no casco histórico de Vigo. Rueiro delimitado polas rúas Ferrería, San Sebastián e Baixada á Costa. Arquitectos: Perfecto Cendón Domínguez e Francisco Javier Vázquez Fernández

Restaurante das minas San Finx, en Lousame (A Coruña). Arquitectos: Dosesmas  Arquitectos (Álvaro Marín Durán e Alfonso Castro Lorenzo)

Fundación Rubido Romero, en Negreira (A Coruña). Arquitectos: Elizabeth Abalo Díaz e Gonzalo Alonso Núñez

SUSTENTABILIDADE

Dezanove House, en Ribeiriña, A Pobra do Caramiñal (A Coruña). Arquitecto: José Ignacio Leite Martínez

Escola infantil no Campus Universitario de Ourense. Arquitectos: Elizabeth Abalo Díaz e Gonzalo Alonso Núñez

 

 

 

PREMIO GALEGO DE ARQUITECTURA dotado con 6.000 euros :

 

Por tratarse dun proxecto que resolve acertada e elegantemente,  dende formas e sensibilidades actuais, o programa dunha vivenda unifamiliar e consegue a integración desta nova edificación nun núcleo tradicional galego. Destaca no proxecto o coidado deseño e valor dos espazos interiores; o sabio desenvolvemento da planta; a integración e dialogo que xera entre o interior e o exterior así como a adecuada utilización en fachada de materiais e elementos construtivos actuais que, sen agochar o carácter actual da edificación, conseguen unha axeitada integración desta no conxunto urbano no que se inxire e establecen un frutuoso diálogo coas edificacións tradicionais do contorno. O xurado tivo en conta non só os valores arquitectónicos da proposta se non tamén o significado da intervención dende o punto de vista urbano, que constitúe un exemplo de intervención na cidade histórica, polo que acorda galardoar co premio galego de arquitectura á Casa Chao, en Corcubión (A Coruña). Arquitectos: Juan Creus e Covadonga Carrasco.

Así mesmo, entre os proxectos presentados a esta modalidade, dada a súa heteroxeneidade, o xurado acorda destacar con mencións, sen dotación económica, varias obras distinguindo tres categorías para destacar as vivendas, os edificios de uso público e outras características salientables dos proxectos que os fan merecedores dun especial recoñecemento:

 

Mención de vivenda:

Vivenda sobre o Miño en urbanización Pazo de Ramirás, en Ourense. Arquitecto: Manuel Jorreto Díaz. O xurado valora especialmente o modo en que o proxecto consegue a integración dunha edificación actual na paisaxe e o dialogo que se establece entra a nova arquitectura e o contorno.

A implantación da edificación no terreo constitúe un dos elementos xeradores da propia arquitectura e o proxecto aproveita a complicada topografía da parcela como unha oportunidade da que brota a propia concepción do edificio.

Por medio de grandes paramentos de vidro o proxecto consegue integrar, dentro do ámbito privado da casa, a impresionante natureza que a rodea e mediante xogos de transparencias, xerados pola arquitectura, enriquece e humaniza a percepción da propia natureza.

Convén destacar tamén do proxecto a sinxeleza e oficio co que se resolve o programa da vivenda así como a coidadosa elección e tratamento dos materiais e elementos construtivos que se poñen ao servizo das ideas xeradoras do proxecto.

 

Mención de edificio de uso público:

Pavillón de celebracións do Pazo de Cea, en Nigrán (Pontevedra). Arquitectos: Martín de Cominges Carvallo. e José Javier Villacé Rodríguez. O proxecto é froito dun afortunado exercicio de meditación sobre a forma de responder ás condicionantes que supón construír no entorno dun monumento histórico e ben de interese cultural das características do Pazo de Cea.

A nova edificación non só non entra en competición co pazo preexistente senón que potencia os seus valores, ao mesmo tempo que enriquece e articula o seu entorno mediante a acertada elección do emprazamento e a propia disposición da edificación así como a meditada elección da escala do novo edificio e o seu elegante deseño, no que destaca a coidada elección e utilización dos materiais.

Centro social de Oleiros, en Ribeira. Arquitecto: Carlos Seoane , pola expresividade no uso dos materiais, instalacións e estrutura; pola acertada organización da planta; pola complexa utilización da luz natural para conseguir a iluminación dos espazos interiores e pola riqueza dos espazos exteriores que rodean os edificios conseguida mediante a acertada implantación do edificio, que xera e articula espazos baleiros de gran calidade enriquecidos polo coidado deseño do mobiliario e pavimentos exteriores.

 

Mención por outras características salientables:

Centro de actividades mariñeiras e cabanas do Barranco, en Ousesende, Outes (A Coruña). Arquitecto: Francisco Liñares Tuñez, Alfonso Salgado Suárez, p olo seu carácter innovador e polo respecto co que o edificio consegue integrarse no contorno natural, fundindo a arquitectura coa propia natureza mediante un deseño adaptado ao terreo e a sensible utilización dos materiais.

Centro docente asistencial Down Coruña, en Pedralonga, A Coruña. Arquitectos: Emilio Rodríguez Blanco e José Luis Martínez Raído , p or tratarse dun proxecto que partindo dun presuposto moi baixo consegue, mediante solucións sinxelas e efectivas, dar resposta ao programa á vez que configura á propia arquitectura como motor para a rexeneración dunha zona degrada e referente para a súa recuperación e dinamización.

 

 

PREMIO GALEGO DE REHABILITACIÓN dotado con 6.000 euros

 

Por tratarse dun proxecto de rehabilitación que resolve admirablemente a complexidade que  implica encaixar o programa proposto mediante a rehabilitación dun conxunto de tres edificios, orixinalmente destinados a vivendas, inxerindo axeitadamente a rehabilitación na trama urbana cuxos espazos públicos penetran e se prolongan cara aos espazos públicos creados no interior do novo conxunto edificatorio mediante estratexias de permeabilidade e transparencia que dilúen as fronteiras entre o exterior e interior e enriquecen as sensacións espaciais das rúas que circundan o edificio.

O proxecto da resposta as esixencias actuais do programa pondo en valor unhas edificacións en desuso e articula os espazos de traballo, fragmentándoos, para dar resposta as esixencias do programa e á propia configuración das edificacións preexistentes e contribuíndo, deste xeito, á creación dun conxunto de grande riqueza espacial, onde a calidade, e mesmo os valores poéticos, dos espazos xerados veñen reforzados por un exquisito coidado na resolución dos detalles construtivos e no emprego dos materiais, por a propia austeridade dos medios empregados, por as sabias estratexias de restauración adoptadas, polo diálogo que se xera entre os elementos orixinais da edificación e os novos materiais e sistemas construtivos empregados e polas sutís referencias á historia previa dos edificios.

Destacando tamén o papel do colexio de rexistradores que, co presente encargo, realizou unha valente aposta por construír un edificio que, dando resposta ás súas necesidades, contribúese dun xeito notable á revalorizar o casco vello da cidade de Vigo, o xurado acorda galardoar co premio galego de rehabilitación aos catro edificios da sede do Rexistro da Propiedade de Vigo, na Rúa real, Vigo. Arquitectos: Jesús Irisarri Castro e Guadalupe Piñera Manso.

Así mesmo, entre os proxectos presentados a esta modalidade, dada a disparidade nas características das intervencións, o xurado acorda destacar con mencións, sen dotación económica, cinco dos proxectos presentados, agrupándoos en vivendas unifamiliares, colectivas e edificios de uso público.

 

Mención de vivenda unifamiliar:

Rehabilitación de vivenda na rúa Bonaval 6, en Santiago de Compostela. Arquitecto: Jesús Conde García e Casa do Medio, en Santiago de Compostela. Arquitectos: Óscar Andrés Quintela e Juan Andrés Quintela.

Os dous proxectos constitúen un exemplo de rehabilitación de edificacións de uso de vivenda para adaptalos as novas demandas da vida actual. Conseguen, malia os fortes condicionantes impostos pola configuración da edificación primitiva, resolver axeitadamente o programa, dando respostas as esixencias que actualmente se demandan das vivendas e xerando, ao mesmo tempo, uns espazos interiores de grande riqueza espacial.

Nos dous proxectos destaca a axeitada utilización dos materiais e a afortunada resolución dos detalles construtivos que se realiza respectando en todo momento os valores arquitectónicos e construtivos das edificacións orixinais. É digna de mención a reinterpretación que ambos proxectos fan da galería tradicional mediante a utilización de solucións construtivas actuais.

 

Mención de vivenda colectiva:

Rehabilitación de vivendas no casco histórico de Vigo. Rueiro delimitado polas rúas Ferrería, San Sebastián e Baixada á Costa. Arquitectos: Perfecto Cendón Domínguez e Francisco Javier Vázquez Fernández. N este proxecto destaca especialmente a forma de resolver a recuperación dun conxunto de edificacións de reducidas dimensións para integrar nelas un programa de diversas vivendas que, respectando as fortes condicionantes do parcelario e a singularidade das distintas edificacións, desen resposta ás demandas que actualmente se esixen ás vivendas e contribuísen de forma notable a rexeneración do degradado contorno urbano.

O proxecto consegue xerar un conxunto de vivendas de grande riqueza espacial nas que resultan especialmente acertadas as estratexias para xerar e introducir a luz no interior das vivendas, malia os condicionantes impostos polas edificacións orixinais.

Como no proxecto anterior a utilización de novos materiais, en perfecta harmonía cos valores das edificacións orixinais, constitúen un exemplo de intervención de rehabilitación.

Todo isto realízase coa contención e sinxeleza precisa para evitar que a nova intervención adquira un protagonismo que altere o carácter e valores ambientais do contorno onde se inxiren as edificacións.

 

Mención  de edificio de uso públic o:

Restaurante das minas San Finx, en Lousame (A Coruña). Arquitectos: Dosesmas  Arquitectos (Álvaro Marín Durán e Alfonso Castro Lorenzo) pola posta en valor da edificación existente e a delicada resolución do programa cunha intervención mínima.

Fundación Rubido Romero, en Negreira (A Coruña). Arquitectos: Elizabeth Abalo Díaz e Gonzalo Alonso Núñez, p or tratarse de unha discreta actuación que resalta os valores etnográficos propios da vivenda tradicional, incorporando novas estéticas no proceso de rehabilitación nas que se reinterpretan os sistemas e elementos estruturais tradicionais. O proxecto crea unha atractiva concatenación de espazos enriquecidos polo tratamento que se fai dos muros.

 

 

PREMIO ESPECIAL Á SUSTENTABILIDADE dotado con 4.000 euros

 

Pola súa adaptación e integración no contorno dun espazo natural protexido mediante o deseño das construcións e a coidadosa elección dos materiais. O predominio e a utilización da madeira configurase como un elemento esencial das estratexias do proxecto para conseguir, tanto a integración coa paisaxe, como a sustentabilidade da edificación. Así mesmo o proxecto destaca polo emprego de instalacións autosuficientes de electricidade, abastecemento de auga potable e o tratamento de augas residuais. Por estes motivos, o xurado acorda galardoar co premio especial á sustentabilidade ao Campig Illa de Ons, na Illa de Ons. Arquitectos: Juan Zaballa Malcorra e Daniel Guisande Lago.

Entre os proxectos presentados a esta modalidade, o xurado acorda destacar con mencións, sen dotación económica, dous proxectos presentados, distinguindo a categoría de vivenda e edificios de uso público:

 

Mención de vivenda:

Dezanove House, en Ribeiriña, A Pobra do Caramiñal (A Coruña). Arquitecto: José Ignacio Leite Martínez, pola incorporación de conceptos medioambientais ao proxecto, tanto de acondicionamento e confort térmico como de reutilización e reciclaxe de materiais para darlles un novo uso, conferíndolle ao mesmo tempo unha grande expresividade material á vivenda.

 

Mención  de edificio de uso públic o:

Escola infantil no Campus Universitario de Ourense. Arquitectos: Elizabeth Abalo Díaz e Gonzalo Alonso Núñez , por tratarse dun proxecto onde a vontade de sostibilidade constitúe o eixo xerador do propio proxecto. Deste xeito a celosía de fachada, que confire a imaxe exterior do edificio e o pecha dun contorno ambientalmente pobre, constitúe, ao mesmo tempo, un elemento esencial das estratexias que confiren o carácter sostible ao proxecto.

 O emprego da xeotermia, especialmente interesante polas características xeolóxicas do emprazamento, e a utilización de pozos canadenses, constitúen tamén elementos que reforzan este carácter de sostibilidade do proxecto.

 

PREMIO ESPECIAL Á TRAXECTORIA PROFESIONAL dotado con 4.000 €

 

O xurado acorda por unanimidade conceder a D. Andrés Fernández-Albalat Lois o premio especial á traxectoria profesional, en recoñecemento á súa meritoria traxectoria profesional en favor da arquitectura no territorio galego.

O arquitecto D. Andrés Fernández-Albalat Lois achegou, ao longo da súa dilatada carreira, unha excepcional cantidade de méritos que, pola súa  relevancia, sitúano como un candidato merecedor de ser distinguido  co máximo recoñecemento público no ámbito da Arquitectura galega.

Para glosar de forma resumida a traxectoria e achegas arquitectónicas de Andrés Fernández-Albalat, temos que nos referir a catro aspectos esenciais da súa carreira: a súa presenza e participación fundacional no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia; o seu labor docente na Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSA) da Coruña; o seu papel central e dinamizador na cultura de Galicia; e, sobre todo, a súa excepcional obra arquitectónica e  urbanística.

Fernández-Albalat é considerado polos arquitectos galegos, de calquera xeración, como o “Decano dos arquitectos de Galicia”, pola autoridade intelectual que mantivo ao longo de máis de medio século. El abordou a complexa tarefa, mentres presidía o Colexio oficial de Arquitectos de León, Asturias e Galicia, de liderar e dirixir o proceso de fundación do Colexio de Arquitectos de Galicia, do que foi o seu primeiro Decano, nos anos previos ao comezo da Transición e do proceso autonómico de Galicia. Neste contexto, as ideas conformadoras de Fernández Albalat para a institución colexial estaban fundamentadas na atmosfera cultural, moderna  e comprometida, da contorna de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, cos que colaborou na creación de Sargadelos e O Castro. Estas institucións, entre outras, foron de capital importancia, naquel proceso, para dotar ao país de motores de dinamización cultural. Ao redor da súa figura aglutináronse arquitectos das catro delegacións provinciais, compartindo un mesmo proxecto, a través do que se cimentou solidamente o C.O.A.G. e co que xogou  un importante papel no arranque da Autonomía Galega.

 Como consecuencia da labor colexial, auspiciada desde o seu decanato saíron iniciativas e se crearon institucións coma o Museo do Pobo Galego, a Comisión de Cultura do C.O.A.G., o Arquivo Histórico, a revista Obradoiro, a Comisión de Urbanismo e outras máis específicas que estiveron moi presentes nos procesos de formalización das estruturas e obxectivos da Autonomía Galega.

No ámbito da docencia, a figura de Fernández-Albalat foi moi relevante, desde o departamento de Proxectos e Urbanismo da ETSA, Albalat desenvolveu unha tarefa docente que formou ás sucesivas xeracións de arquitectos galegos. Á Escola de  Arquitectura achegou as experiencias e resultados derivados da modernidade en tensión coa tradición que son parte substancial da personalidade creadora de Andrés Fernández-Albalat. A súa presenza na Real Academia Galega, e despois, tamén, no Colexio de Eméritos de España, pero, sobre todo, o seu vínculo con numerosas institucións culturais que vertebran a cultura en Galicia convertérono nunha figura central, que encarna o impulso renovador e de conexión con experiencias foráneas, mantendo un forte vínculo coa cultura tradicional.

Todos os méritos de Fernández-Albalat converxen na súa actividade central, como arquitecto que proxecta, constrúe, contribuíndo significativamente á transformación dun país, porque se trata dun arquitecto galego que realizou case a totalidade da súa obra na súa terra. É posible afirmar que todo o protagonismo e tamén o activismo cultural  de Albalat, desenvolveuse en paralelo coa súa investigación na topografía cultural das tipoloxías e dos lugares en proceso permanente de culturización. Esta é unha clave necesaria para comprender o mundo que Albalat sempre considerou presente e importante ao proxectar. Boa mostra diso son as súas obras da Fábrica da Coca Cola en colaboración con Antonio Tenreiro, e o concesionario e taller de Seat na Coruña, que son arquitecturas industriais de referencia desde a segunda metade dos anos cincuenta. O complexo da Hípica, a  restauración e a ampliación da sede da Fundación Rosalía de Castro en Padrón, ou a sede da Real Academia Galega, tamén na Coruña, obras todas elas nas que se conciliaron nun resultado arquitectónico excepcional,  os valores e intereses históricos e culturais cos demandados polas  esixencias funcionais, técnicas e culturais actuais. Esta forma de facer arquitectura tivo continuidade, nun proceso evolutivo no que o seu autor asumiu os riscos da innovación, en diferentes lugares de Galicia. A fábrica de Sargadelos, en Cervo,  onde se continuou a construción e a topografía cultural da contorna do recinto histórico da Real Fábrica de Sargadelos,  coa nova fábrica de Cerámica dirixida e auspiciada por Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, en conxunción coa sede do Laboratorio de Formas, son bos exemplos deste proceso. A preocupación polos novos materiais e as novas tecnoloxías nesa procura da propia cultura na contemporaneidade, se exemplifica no centro informático ou de computación de Caixa Galicia na Coruña, ou na facultade de Humanidades da Universidade da Coruña, na que un gran baleiro, a modo de ágora, e unha biblioteca aaltiana articulan un edificio complexo, eficaz e económico.

As contribucións urbanísticas de Albalat teñen unha especial importancia na súa carreira  pero sempre encabezadas pola súa excepcional proposta  de “A Cidade das Rías” cuxa ambición transformadora e organizadora dun territorio complexo e delicado, ameazado por unha gran presión edificatoria, resulta hoxe, case cincuenta anos despois da súa formulación, dunha actualidade e intelixencia admirables.

Todas estas obras de Albalat, e outras, que non mencionamos pero que lembramos, conforman un corpo arquitectónico imprescindible para comprender a transformación dun territorio a través dos principios da modernidade e a vontade de non renunciar aos trazos culturais propios. A obra e a vida de Andrés Fernández-Albalat  son imprescindibles na construción da Galicia actual.

O seu traballo, tan vinculado ao local, cumpre esa singularidade para ser verdadeiramente universal. O seu valor reside no seu  compromiso e na capacidade do seu espírito e das súas ideas para fecundar o rico humus de calquera cultura, en calquera lugar.

O seu estudo segue aberto, e a súa presenza é frecuente en numerosas iniciativas  culturais, disposto, como sempre, a explorar a contemporaneidade desde a singularidade da cultura propia.

Ligazóns relacionadas

Ligazóns relacionadas