Inicio

Xunta de Galicia

SUBDIRECCIÓN DE HABITABILIDADE E CALIDADE DA EDIFICACIÓN

Libro do edificio

O Libro do Edificio é útil á hora de mercar unha vivenda porque recolle toda a información sobre o edificio no que se asenta en canto a actuacións de rehabilitación, arranxo de fachadas, fendas, humidades...

O Libro do Edificio recolle os datos principais do mesmo polo que se convirte nunha ferramenta útil non só para cidadanía, á hora de mercar unha vivenda, senón tamén para arquitectos, aparelladores, promotores, construtores, inmobiliarias, presidentes de comunidades de veciños ou administradores de fincas. É un documento equivalente á ITV dos coches, que reflicte dende o primeiro momento ata a súa evolución (rehabilitación, ampliación, reforma...). Así, por exemplo, se se realiza unha obra na fachada o Libro deberá conter os datos da empresa que fai executar a obra.

O Libro debe estar de xeito permanente no edificio ao que pertence, nun armario comunitario con pechadura onde resgardalo. Ademais a cada propietario das vivendas entregaráselle a parte correspondente ás súas obrigas en canto á conservación do inmoble.

Segundo a Lei de vivenda de Galicia o Libro do Edificio debe conter a seguinte información: 

  1. Os datos físicos de identificación do edificio, cun plano da súa situación e unha fotografía da súa fachada principal.
     
  2. As datas da licencia de obras, do comezo e remate de obra, da acta de recepción, da presentación da solicitude da licencia de primeira ocupación ou desta se xa se obtivese e, se é o caso, da cédula de cualificación ou declaración definitiva.
     
  3. Datos identificativos dos axentes intervenientes no proceso de edificación, con particular referencia ó promotor, ó proxectista, ó constructor, ó director de obra, ó director da execución da obra e ás empresas subcontratistas e ó laboratorio ou á entidade de control de calidade.
      
  4. A información sobre a situación xurídica do inmoble, que comprenderá, polo menos, os seguintes extremos:
      
    1. O réxime xurídico de protección ó que, se é o caso, se acolle a edificación.
       
    2. Se se tratase dun edificio dividido en espacios susceptibles de aproveitamento independente e estes xa se formalizasen, a copia da escritura de división horizontal do inmoble e os estatutos polos que se rexerá a comunidade, coas modificacións de que, de se-lo caso, fosen obxecto.
       
    3. A descrición das cargas e dos gravames de natureza real existentes sobre o predio.
       
    4. As garantías constituídas no edificio, en cumprimento da lexislación vixente, para responder de danos materiais ocasionados por vicios e defectos da construcción, con indicación do tipo de seguro subscrito e dos datos identificativos da compañía aseguradora.
       
    5. As outras garantías que, se é o caso, existan sobre as instalacións ou os servicios comúns do inmoble.
       
  5. Os datos técnicos da construcción, que, como mínimo, comprenderán:
     
    1. Os planos definitivos das plantas, dos alzados e das seccións do edificio, con indicación da distribución dos espacios comúns e privativos e de tódolos servicios e instalacións con que conte o inmoble, especialmente o trazado das redes eléctrica, de auga, de calefacción e climatización, de telecomunicacións e dos sistemas de seguridade. Se o edificio formase parte dun complexo inmobiliario, deberá achegarse tamén un plano completo deste, con referencia ás instalacións e ós servicios de titularidade común.
       
    2. A descrición dos materiais utilizados na construcción, tanto dos externamente visibles coma daqueles ós que os adquirentes de vivendas non teñen acceso directo, con referencia en ámbolos casos ás calidades empregadas, e o plan de control de calidade efectuado, con copia dos resultados obtidos.
        
    3. As instruccións de uso e mantemento das diferentes partes do edificio.

AXUDÁMOSCHE A MERCAR UNHA VIVENDA

Consulta todas as iniciativas que o Instituto Galego de Vivenda e Solo pon á túa disposición para que podas mercar a túa primeira vivenda: axudas directas, rexistro de demandantes ou coñece o que queres comprar a través do libro do edificio.

AXUDÁMOSCHE A REHABILITAR

A Consellería quere axudar á posta en marcha de actuacións de rehabilitación que permitan a conservación do patrimonio construído. Por isto non só ofrece axudas directas a promotores de rehabilitación senón que pon en marcha ferramentas coma o catálogo de prezos ou o directorio de axentes colaboradores.