Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

MEDIO AMBIENTE CONVOCARÁ NAS VINDEIRAS SEMANAS AS AXUDAS PARA INTERVIR NA ÁREA DE REHABILITACIÓN INTEGRAL DA RIBEIRA SACRA

• Trátase dunha das 10 iniciativas incluídas no Plan de Acción Estratéxico do Goberno galego para a Ribeira Sacra
• Segundo recordou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o obxectivo de todas estas propostas é mellorar a protección e regular as intervencións neste territorio a nivel paisaxístico, medioambiental e urbanístico
• Tamén destaca a recuperación e humanización de espazos urbanos de gran interese patrimonial, a posta en marcha dun Pacto pola Paisaxe e dun Plan de Acción da Paisaxe, a creación dunha nova ruta por aqueles elementos incluídos no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras ou o plan de ordenación do medio físico de San Fiz de Asma, en Chantada

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020
.- A Xunta de Galicia convocará nas próximas semanas a orde de axudas para financiar intervencións tanto de particulares como de concellos na Área de Rehabilitación Integral (ARI) da Ribeira Sacra. Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, aos alcaldes dos concellos localizados nesta zona, cos que esta mañá mantivo unha reunión de traballo por videoconferencia.

A posta en marcha desta ARI, declarada polo Consello da Xunta a mediados do pasado mes de febreiro, é unha das 10 iniciativas de carácter ambiental e de ordenación do medio físico e urbano incluídas no Plan Estratéxico da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para a Ribeira Sacra. Este conxunto de medidas suman en total 3,5 millóns de euros e con elas preténdese mellorar a protección deste territorio a nivel paisaxístico, ambiental e urbanístico, ao tempo que se regulan as futuras intervencións no mesmo.

Con este dobre obxectivo de partida, o departamento autonómico quere promover o máximo coidado e respecto por unha zona de alto valor medioambiental e cultural, algo que foi recoñecido coa súa declaración no ano 2018 como Ben de Interese Cultural (BIC). Este fito, de feito, reactivou os esforzos para que a Ribeira Sacra continuase coa súa aspiración de converterse en Patrimonio Mundial da Humanidade e máis recentemente, que seguira avanzando na súa candidatura á declaración como Reserva da Biosfera.

Cómpre precisar que a ARI da Ribeira Sacra está xestionada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e intégrana un total de 25 concellos das provincias de Lugo e Ourense, os mesmos incluídos na área de estudo do expediente remitido á Unesco no marco da candidatura a Patrimonio da Humanidade.

Grazas a esta declaración, tanto os concellos como os particulares poderán acceder a axudas públicas para promover accións integrais de rehabilitación dentro do seu ámbito territorial, xa que cómpre lembrar que o obxecto principal dunha ARI é planificar a intervención sobre un conxunto de edificacións con usos residenciais que se atopan en situación de deterioro. Esta primeira convocatoria de axudas estará inicialmente dotada cunha partida de 850.000 euros.
Outra das accións estratéxicas programadas pola Xunta na Ribeira Sacra pasa pola aprobación dun Plan Territorial Integrado (PTI) para os 14 concellos considerados de máxima protección do BIC Paisaxe Cultural Ribeira Sacra (Carballedo, Castro Caldelas, Chantada, Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil, Monforte de Lemos, A Peroxa, A Pobra do Brollón, Ribas de Sil, San Xoán de Río, O Saviñao, Sober e A Teixeira) co fin de ordenar e posibilitar a regularización urbanística das construcións accesorias de lecer. Esta actuación contará cun orzamento de 500.000 euros e completarase en 2021.

Así mesmo, a través do chamado Plan Hurbe da Consellería, destinaranse 1,3 millóns de euros de aquí ao ano 2021 para proxectos de recuperación de espazos de elevado interese patrimonial que se atopen moi deteriorados, por exemplo, as contornas da Igrexa de Santa María de Nogueira de Miño (Chantada) e do Mosteiro de Ribas de Sil.

Por outra banda e cunha incidencia máis local, a Xunta de Galicia prevé iniciar tamén no vindeiro mes de xuño o trámite ambiental do Plan de Ordenación do Medio Físico (POMF) de San Fiz de Asma en Chantada, xa que nestes momentos está practicamente rematada a documentación necesaria para comezar este trámite.

Unificar a paisaxe
A Consellería tamén está a traballar na unificación das dúas Áreas de Especial Interese Paisaxístico -as correspondentes ao Canón do Sil e ao Canón do Miño- nunha soa, que se denominará Ribeira Sacra para adaptar esta delimitación paisaxística preexistente ao recollido na declaración do BIC. Estes traballos culminarase en 2020.

Ao mesmo tempo, porase en marcha un Pacto pola Paisaxe financiado pola Xunta –cun investimento de 700.000 euros e horizonte temporal no 2021- e xestionado polo Consorcio, para promover a protección e mellora deste territorio. E por último, elaborarase tamén un Plan de Acción da Paisaxe para os seguintes itinerarios de interese paisaxístico: Chantada-Ponte Nova dos Peares, e Monforte de Lemos-Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

A sensibilización ambiental será outra das frontes que se quere abordar con este plan de acción para a Ribeira Sacra. Así, no marco do programa de educación medioambiental Voz Natura, deseñarase un proxecto piloto para que os centros escolares desta zona poidan colaborar na recuperación de viñedos e zonas degradadas da man de comunidades de montes en man común. Esta acción financiarase con fondos propios entre 2020 e 2024.

Así mesmo e directamente relacionado coa busca e o fomento dun turismo sustentable, está previsto desenvolver para a Ribeira Sacra unha nova ruta de Árbores con Historia. A idea é seguir o mesmo esquema das tres xa existentes (Santiago-Rías Baixas, Ourense Occidental e Ourense Oriental) para a posta en valor do patrimonio natural constituído polos elementos do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras localizados no ámbito da futura Reserva da Biosfera. Este traballo materializarase en 2021 e terá un investimento de 30.000 euros.