Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA ADXUDICA A OBRA DE MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA DE SEIS VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA EN CERDIDO, NA QUE INVESTIRÁ PRETO DE 131.000 EUROS

- As obras consistirán no illamento térmico do edificio polo exterior para mellorar a súa eficiencia e incrementar o rendemento do consumo enerxético realizado nas mesmas
- O Goberno galego adxudicará nos próximos días a rehabilitación doutras seis vivendas en Felgosas, en Cerdido
- A Xunta ten en marcha un programa de mellora da eficiencia enerxética de vivendas de promoción pública, no marco do cal se están a realizar actuacións en Santiago de Compostela, Pontevedra, Melide, Vigo ou Becerreá


Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2018.-
A Xunta de Galicia vén de adxudicar a mellora da eficiencia enerxética de 6 vivendas de promoción pública emprazadas en Vila da Igrexa, en Cerdido, por un investimento de 130.972,15 euros A obra terá un prazo execución de catro meses, a contar dende o inicio das mesmas.

As seis vivendas sobre as que o Instituto Galego da Vivenda e Solo vai actuar están emprazadas en Vila da Igrexa. Nos próximos días adxudicarase tamén a obra de rehabilitación doutras seis vivendas emprazadas en Felgoso, todas no concello coruñés de Cerdido.

As obras consistirán no illamento térmico do edificio polo exterior para mellorar a súa eficiencia térmica e, polo tanto, incrementar o rendemento do consumo enerxético realizado nas mesmas. Para iso empregarase o sistema SATE, que permite realizar o illamento dun edificio pola parte exterior do mesmo, eliminando pontes térmicas, mellorando o illamento térmico e a impermeabilidade da edificación sen reducir o espazo interior das vivendas nin modificar o aspecto exterior do inmoble.

Estas obras están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

A Xunta ten en marcha un programa de mellora da eficiencia enerxética de vivendas de promoción pública, no marco do cal se están a realizar actuacións en varias localidades de toda Galicia, como Santiago de Compostela, Pontevedra, Melide, Vigo, Cerdeda ou Becerreá.

Estas actuacións teñen unha importante repercusión positiva na mellora da calidade de vida dos veciños e no aforro enerxético e enmárcanse na aposta que desde a Xunta se está a facer pola rehabilitación de vivendas.