Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda financia con máis de 100.000 euros as obras necesarias para acondicionar 3 inmobles no concello de Bande, destinadas ao alugueiro para fogares con ingresos limitados

ETHEL VÁZQUEZ DESTACA A BOA ACOLLIDA DAS AXUDAS DA XUNTA Á REHABILITACION DAS ANTIGAS CASAS DE MESTRES, QUE XA SE CONCEDERON A 6 CONCELLOS, QUE DISPORÁN DE 14 VIVENDAS SOCIAIS

- Salienta que actualmente están a tramitarse outras 5 solicitudes que garanten que se concederá o importe total consignado a estas axudas en 2018, case un millón de euros que se suma aos 500.000 de euros concedidos en 2017
- Explica que a rehabilitación de tres vivendas unifamiliares adosadas en Bande suporá un investimento próximo aos 144.000 euros, subvencionado a Xunta o 90 % da actuación
- Enmarca esta iniciativa na estratexia de rehabilitación do Goberno galego, que persegue un triplo obxectivo social, de potenciación do medio rural e de reactivación económica


Bande (Ourense), 4 de xuño de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou hoxe en Bande, a boa acollida das axudas da Xunta á rehabilitación das antigas casas de mestres, que xa se concederon este ano a 6 concellos galegos, que poderán dispor de 14 vivendas sociais.

Lembrou que este programa, dirixido a rehabilitar vivendas antigamente empregadas para diferentes oficios, nas que as vivendas de mestres son o maior expoñente, foi posto en marcha o ano pasado. Está dirixido aos concellos de menos de 20.000 habitantes e na convocatoria de 2017 a Consellería de Vivenda concedeu o 100% das axudas solicitadas, por importe de medio millón de euros.

Ethel Vázquez sinalou que, debido ao grande interese que espertou a iniciativa, na convocatoria de 2018 se incrementou a partida a case o dobre. Ata o momento a consellería leva concedidas axudas que permitirán que 6 concellos -entre eles Bande-, poidan rehabilitar 14 vivendas e destinalas ao alugueiro para familias con menos recursos. E neste intre, dixo, estanse a tramitar as solicitudes doutros 5 municipios, de forma que este ano se concederá o importe total consignado a estas axudas en 2018.

Vázquez Mourelle, acompañada polo alcalde de Bande, José Antonio Armada, presentou o proxecto de rehabilitación das 3 antigas vivendas de mestres situadas xunto ao centro escolar, de 2 dormitorios e arredor de 90 m2, para destinalas ao alugueiro de fogares con ingresos limitados.

Explicou que atendendo á solicitude do concello, a rehabilitación destras tres vivendas unifamiliares adosadas suporá un investimento próximo aos 144.000 euros, dos cales desde a consellería se achegan 108.000 euros. Para que as vivendas, que levan ano pechados, poidan ser habitadas acometéranse melloras no exterior e no interior das mesmas.



A conselleira de Infraestruturas e Vivenda destacou que estas axudas forman parte da estratexia de fomento da rehabilitación que promove a Xunta, cun triplo obxectivo: social, polo que supón para dar facilidades de acceso á vivenda ás familias; de potenciación e desenvolvemento do medio rural, porque esta liña de axudas vai destinada a concellos de menos de 20.000 habitantes, contribuíndo a fixar poboación no rural; e económica e ambiental, dado que a rehabilitación é máis sostible que a construción de vivenda nova, ademais xera máis emprego por euro investido.