Inicio

Xunta de Galicia
Estás en ... Inicio » Sala de Comunicacion » Detalle dunha nova

A XUNTA DUPLICA OS FONDOS DESTINADOS AOS DANOS EN VIVENDAS PRODUCIDOS POLOS INCENDIOS FORESTAIS DE OUTUBRO DE 2017

- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que os fondos destinados a este fin pasan de 2 a 3,9 millóns de euros
- Neste intre xa se concederon 72 axudas por máis de 1,39 millóns de euros


Santiago de Compostela, 6 de abril de 2018.- A Xunta duplica os fondos destinados aos danos en vivendas producidos polos incendios forestais de outubro de 2017, ampliándose de 2 a 3,9 millóns de euros.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que dotan con 1,9 millóns de euros máis as axudas destinadas sufragar os danos causados nas vivendas e no seu enxoval doméstico.

A Orde conxunta do 27 de outubro de 2017, pola que se convocaban estas axudas, establecía unha dotación de 2 millóns de euros, dos que 1 millón correspondían ao ano 2018, 500.000 a 2019 e outros 500.000 a 2020.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e vistas as necesidades a atender, decidiuse incrementar o crédito inicial de axudas a conceder.

Ata o momento actual concedéronse xa un total de 72 axudas destinadas sufragar os danos causados nas vivendas e no seu enxoval doméstico, cun importe de máis de 1,39 millóns de euros.

Lembrar que estas axudar forman parte do paquete de medidas urxentes aprobadas polo Goberno galego no Consello da Xunta o pasado 19 de outubro de 2017, para a reparación dos danos ocasionados polos lumes nese mesmo mes.

Estas axudas xestionadas dende a Consellería de Infraestruturas e Vivenda están destinadas ás vivendas que constitúan a residencia permanente e habitual dos seus moradores e nas súas instalacións complementarias, sendo axudas que poden cubrir ata o 100% do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, cun máximo que suporá o 75% do prezo dunha vivenda protexida na mesma localidade.

No caso das vivendas de carácter ocasional, poderán recibir axudas de ata o 40 % do valor de reparación ou reposición do inmoble danado. Inclúense as construcións anexas e instalacións complementarias e elementos comúns, como pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo ou instalacións eléctricas e de iluminación, instalacións de telecomunicacións, sempre e cando estean situadas no mesmo predio da vivenda. Serán igualmente obxecto de axudas os danos sufridos no enxoval doméstico de primeira necesidade, e ao igual que nas vivendas, cubrirá o 100% se é enxoval de vivenda habitual ou 40% no caso de vivenda ocasional.

Por outra parte, concedéronse sete axudas (1 en Lugo e 6 en Pontevedra), para o aloxamento provisional de afectados polos incendios, por un importe total de 28.533 euros.

No seguinte enlace https://bit.ly/2IxEtcD pódese consultar a resolución publicada hoxe .